Supresión do copago farmacéutico a pensionistas

Supresión do copago farmacéutico a pensionistas

O BNG reclama do Concello de Gondomar que se posicione contra o copago farmacéutico


- O BNG de Gondomar presentou hoxe no Rexistro do Concello unha moción para que o Concello reclame da Xunta de Galiza o desenvolvemento dunha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o Estatuto de Galiza, que reduza o impacto da medida imposta polo Goberno do Estado nas economías familiares galegas e suprima o copago farmacéutico para as persoas pensionistas.



O pasado 1 de xullo entrou en vigor o novo copago farmacéutico imposto polo Goberno do Estado que incorpora ao copago a máis de 725.000 pensionistas e aumenta as achegas de centos de miles de persoas activas.


O BNG xa manifestou que o copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente. Quedan fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras. Esta medida tivo xa a primeira consecuencia, pois persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago.


A día de hoxe, moitas persoas xubiladas con pequenas pensións comprobaron xa como lles afecta este recorte, pois terán que pagar entre 8 e 18 euros polas súas medicinas. A pensión media das galegas e os galegos non acada os 800 € (166 € menos que a media española) e con estes ingresos deben aínda facer fronte ao pago das medicinas, persoas que levan toda a súa vida traballando e cotizando para acadar as mellores condicións de xubilación posíbeis.


O BNG reclama outra xestión sanitaria, que non se centre en recadar das persoas enfermas senón en atendelas dignamente, nunha sanidade que sexa un elemento de redistribución de riqueza e que sexa financiada suficientemente dende os impostos. O Goberno galego está a tempo de rexeitar estas medidas retrógradas e insolventes impostas polo PP dende o Goberno do Estado.


E por isto que o BNG de Gondomar presentou esta moción e solicitou que sexa tratada no vindeiro pleno do Concello. Desde o BNG agardamos que o Pleno da Corporación municipal teña a sensibilidade de recoller e tratar esta proposta, pois son moitas as e os gondomarenses que se vén gravemente afectados por esta medida.



Supresión do copago farmacéutico a pensionistas