O BNG de Gondomar presenta recurso de reposición contra a imposición dos salarios do goberno local por decreto de Alcaldía

BNG_FotoPlenoOrgGondomar
BNG_FotoPlenoOrgGondomar

Lamentan a deriva ditatorial que Ferreira tamén mostrou no pleno de organización e que a oposición parou coas súas emendas

Manuela Rodríguez: “Solicitamos que os decretos queden sen efecto e que as asignacións económicas deban ser aprobadas en pleno”

O BNG de Gondomar presenta recurso de reposición contra a imposición dos salarios do goberno local por decreto de Alcaldía

Gondomar, 7 de agosto de 2023.- O BNG presenta recurso de reposición contra os decretos de Alcaldía cos que Paco Ferreira impón os salarios do goberno local. “Solicitamos que queden sen efecto e que as asignacións económicas deban ser aprobadas en pleno, como consideramos preceptivo e, desde logo, moito máis transparente e democrático”, explica a portavoz do grupo municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A voceira nacionalista manifestou que “non nos sorprendeu este xeito de proceder” por parte do Alcalde. Xa cando na segunda das reunións de negociación mantidas co PSOE “Ferreira sae coa proposta de cinco dedicacións de 32 mil euros e que el non cobraría, temíamos que co seu salario faría algo así”, comenta Rodríguez. Por esa razón, o BNG puña como condición que asinara ese compromiso nun documento que farían publico antes do pleno de organización, “e, claro, el negouse por completo e aí remataron as conversas”.

A oposición frea a deriva ditatorial de Ferreira

Comezou forte o novo mandato municipal en Gondomar, e logo de o concello saltar á primeira páxina dos rotativos coa asignación de soldos e dedicacións exclusivas por decreto, o Alcalde pretendeu continuar nesa liña de ‘ordeno e mando’ no pleno de organización, convocado no límite do prazo para o pasado luns 31 de xullo.
 

Así, quixo restarlle competencias ao pleno, tentar ter voto de calidade nas comisións informativas e deixar a parte da oposición fóra das mancomunidades. Por aí enfiou, mais topou coas emendas ás súas propostas que chegaron descolocalo tanto que non só precisou varios recesos, senón que perdeu o control, ameazou ‘co que ía pasar no futuro’, interrompeu os concelleiros da oposición cando facían uso da palabra e volveu mostrar o mesmo talante desprezativo e faltón dos últimos catro anos.
 

Ante a imposibilidade de debate nos puntos do pleno en que daba conta dos decretos de Alcaldía, polos que se asignou os salarios a el mesmo e ao seu goberno, a oposición no seu conxunto decidiu abandonar o pleno en sinal de desaprobación da deriva ditatorial de Ferreira. Foi nese momento que militantes do Bloque, xunto coa súa portavoz municipal, realizaron unha protesta silenciosa portando uns carteis en que se podía ler: Para aprobar o saneamento, para poñer en marcha as Aulas Matinais, para facer beirarrúas en Borreiros, para garantir o comedor do CRA, para resolver o da auga en Vilaza, non hai decreto? Exemplificando a falla de solucións por parte do goberno local para as necesidades da veciñanza en contraposición coa indecente dilixencia do Alcalde para asegurarse os salarios.

 

E o pleno acabou co alcalde reclamando da policía local que identificase as persoas que realizaban a protesta. Así, cunha mostra máis da súa incapacidade para o dialogo, a negociación e o consenso, “escenificou o Sr. Ferreira o que nos ofrece para o seu novo mandato en minoría: imposicións, manipulación, negación da democracia e man dura. Pois que se esqueza, aí non vai atopar ao BNG.”

O BNG de Gondomar presenta recurso de reposición contra a imposición dos salarios do goberno local por decreto de Alcaldía