O BNG critica que en Gondomar aínda non se implantaran solucións reais contra as inundacións pola deixadez dos gobernos local e galego
Nin a Xunta comezou as obras que afectan á confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, nin está feito o plan municipal de inundacións
Gondomar, 22 de outubro de 2023.- O BNG de Gondomar critica que no concello aínda non se implantaran solucións reais contra as inundacións pola deixadez dos gobernos local e galego. Así, nin a Xunta comezou as obras que afectan á confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, nin está feito o plan municipal de inundacións.
A organización nacionalista denuncia, por un lado, o incumprimento reiterado por parte da Xunta dos anuncios de inicio das obras destinadas a reducir o risco de inundacións. “Prometérano primeiro para xaneiro, despois para o primavera e logo para o outono, o caso é que entramos en plena época de chuvias e a obra segue sen comezar”, lamenta a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.
Desde o BNG lamentan que este atraso estea provocado porque Goberno galego e goberno local non dean acordado unha solución para canalizar o intenso tráfico que circula a diario pola rúa de Curros Enríquez, afectada polas obras no punto de confluencia dos ríos Miñor e Zamáns. Así mesmo, teñen unha grande preocupación porque aínda non se iniciara nin se saiba nada da posibilidade de modificación do proxecto ou do plan de tráfico para o tempo de execución da obra que está estimado en 12 meses de duración. A xuízo das nacionalistas, pasan por dar acceso “libre e gratuíto” á AG-57 para convertela nunha circunvalación de uso obrigatorio para todo o tráfico que non teña como destino a vila de Gondomar.
Por outra parte, o Bloque denuncia tamén a gravidade de que Gondomar aínda no conte cun plan de actuación municipal ante o risco de inundacións, cos protocolos e medidas para reducir o impacto negativo de inundacións ou choivas torrenciais sobre a poboación e os bens privados e públicos do noso concello. Así, mentres que nos debates dos plenos de xaneiro e marzo Paco Ferreira afirmaba que o plan municipal de inundacións xa estaba en marcha, agora, en outubro, publica nos medios de comunicación que o plan non vai estar rematado antes de final de ano. Para a voceira nacionalista esa publicación constata que “Ferreira mentía daquela, pero o peor é que evidencia a súa irresponsabilidade por non ter feito ese traballo coa antelación suficiente”.
En calquera caso, Rodríguez celebra que ese plan que o Alcalde acaba de encargar recolla as propostas feitas na moción presentada polo BNG e que foi aprobada no pleno de xaneiro de 2023, malia que Ferreira e os seu grupo do PSOE non a apoiran daquela.
A voceira do BNG solicitará a convocatoria dunha xunta de voceiros para que o goberno local informe das medidas tomadas até agora e das que, aínda en ausencia de plan aprobado, se poderían poñer en marcha na actualidade se viñeran chuvias. Así mesmo, o BNG a través da deputada no Parlamento galego, Carmela González, interpelará ao goberno galego sobre o inicio das obras para paliar os riscos de inundacións e instarao a lle trasladar ao concello de Vigo a necesidade de dotar á Presa de Zamáns do obrigado Plan de Emerxencia de Presa.