O BNG de Gondomar mellora coas súas propostas o proceso de humanización da Praza Manuel Alonso
O decálogo de propostas da fronte nacionalista, asumido polo Goberno municipal e que inclúe demandas da veciñanza, recolle un plan de ordenación do tráfico e aparcamento, durante e despois das obras, e medidas para garantir o funcionamento do comercio e os servizos
Manuela Rodríguez: “Esixiremos ao Goberno local que cumpra de maneira estrita este decálogo de melloras, que son as condicións para que esta obra se materialice”
GONDOMAR, 11 de novembro 2023.- O Bloque Nacionalista Galego consegue mellorar coas súas propostas o proceso de humanización da praza Manuel Alonso de Gondomar. O decálogo de propostas da fronte nacionalista, asumido polo Goberno municipal e que inclúe demandas da veciñanza, recolle un plan de ordenación do tráfico e do aparcamento durante e despois das obras e garantías para o funcionamento do comercio e os servizos.
“O BNG, logo de celebrar unha asemblea aberta coa veciñanza, do debatido no pleno de outubro e das reunións da xunta de voceiros, acordamos presentar esta proposta ao goberno no camiño de corrixir as deficiencias”, salientou a portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, en relación á non oposición do Bloque no Pleno municipal. “Esixiremos ao Goberno local que cumpra de maneira estrita este decálogo de melloras, que son as condicións para que esta obra se materialice”, engadiu.
A portavoz nacionalista explicou que a actuación na praza, ademais da circulación pola rúa Manuel Losada, debe garantir tamén o correcto funcionamento do comercio e hostalaría e dos servizos da gasolineira, correos e taxis, debe fixar a creación de novas prazas de aparcamento antes de destruír as existentes e establecer zonas de aparcamento regulado con disco para favorecer a rotación. A maiores, a execución dos traballos non poderá coincidir no tempo coas obras que a Xunta ten previstas para evitar os risco de inundacións no concello.
Rodríguez defendeu a oposición construtiva do BNG, dando alternativas tras escoitar aos veciños e veciñas de Gondomar e poñendo en valor o modelo dos concellos gobernados polo Bloque con peonalizacións que melloraron os espazos urbanos como no caso de Tomiño, Pontevedra, Vigo ou Allariz.