O Concello desatende o Parque Infantil da Coelleira
O BNG de Gondomar esixe do Concello que proceda a realizar o arranxo de varios xogos do Parque Infantil da Coelleira que están deteriorados e poden dar lugar a algún tipo de accidente.
Varios dos xogos non están debidamente ancorados ao chan ou están rotos e en malas condicións de conservación, polo que non están nas mellores condicións para seren usados polos pequenos e pequenas. Estes feitos poden derivar en que haxa algunha incidencia cos cativos que os usan.
Ao mesmo tempo o BNG reclama o debido coidado das zonas de uso infantil.
Non é a primeira vez que o Concello desatende o coidado dos parques de Gondomar, o que vai en detrimento do seu uso. Para o BNG o coidado dos parques de xogos para os nenos e nenas é unha cuestión importante, pois consideramos que é unha obriga do Concello ofrecer espazos de lecer para todas as idades e nomeadamente para as e os máis pequenos.
O BNG de Gondomar dirixirase tamén por escrito ao Concello para que realice estes traballos.