O BNG esixe do Concello unha xestión axeitada do lixo
O BNG de Gondomar lémbralle ao Concello que a xestión do lixo non consiste exclusivamente en establecer unha taxa recadatoria, senón en xestionar debidamente a recollida, garantindo que sexa unha recollida selectiva e procurando a limpeza de papeleiras e contedores.
O BNG defende unha xestión do lixo moi afastada do actual modelo centrado en Sogama. Mais, en tanto en canto o Concello de Gondomar continúe con ese modelo, e ante a confección do censo de vivendas que deberán aboar a taxa do lixo, desde o BNG lamentamos, en primeiro lugar, que na normativa actualmente en vigor non se recollan propostas realizadas polo BNG no seu día como a posibilidade do fraccionamento do pago da taxa do lixo ou que se poida realizar unha periodificación en prazos para o aboamento da débeda cando se produza un impago, ambas feitas no marco da actual situación de crise económica; ou que se realizase unha campaña de información e sensibilización encamiñada a fomentar a reducción, a separación e a reciclaxe do lixo (a apertura da actual oficina da ORAL non cobre este aspecto, pois está centrada na confección do censo exclusivamente).
Por outro lado, o BNG reclama que se regularice a dotación de contedores de lixo de acordo coa actual normativa, que prevé a existencia de contedores a unha distancia máxima de 150m. Porén non todas as vivendas ás que se lle pretende cargar a taxa contan con este servizo a día de hoxe, e cando teñen contedores á distancia estipulada, non sempre son os que podemos considerar suficientes.
Por tanto, o BNG esixe que, antes do inicio do cobro do imposto do lixo, todas as vivendas de Gondomar conten á distancia establecida como máxima, de 150 m, con dous contedores como mínimo, un de orgánicos (contedor verde) e outro de plástico (contedor amarelo), xa que este é precisamente o maior volume de lixo que se produce actualmente nas vivendas. Ademais o BNG esixe que a recollida sexa diaria, sistemática e que se manteñan limpos os contedores e as zonas en que se atopen.
O BNG de Gondomar esixe do Concello o incremento da dotación de contedores de lixo e unha planificación axeitada da recollida e o mantemento dos mesmos
Así mesmo reclamamos que todas as parroquias do Concello de Gondomar conten con, polo menos, tres illas en que se poida deitar todo tipo de lixo: orgánico, plástico, cristal e papel, e que nestas illas se inclúan tamén contedores de pilas que, actualmente, non existen. O número de illas deberá ser incrementado no caso das parroquias máis poboadas. Nalgunha delas tamén se debería habilitar unha zona para restos vexetais e os inertes que se especifiquen, para o que se establecerá un calendario de depósito e recollida que estará debidamente anunciado na zona.
Ao mesmo tempo, solicitamos que se incrementen o número de puntos de recollida de aceite usado, que no seu día chegaron estar nos centros culturais e/ou veciñais de cada parroquia.