O BNG denuncia que Gondomar fica sen a subvención da Xunta para dinamización da lectura por incompetencia do Goberno local

BibliotecaCasaCulturaGondomar
BibliotecaCasaCulturaGondomar

Manuela Rodríguez: “É lamentable coñecer esta nova xusto na semana da celebración do Día do Libro, mais non é nada novo o desleixo cultural do Goberno de Ferreira”

O BNG denuncia que Gondomar fica sen a subvención da Xunta para dinamización da lectura por incompetencia do Goberno local

Gondomar, 23 de abril de 2022. Día do Libro.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Gondomar fica sen a subvención da Xunta para dinamización da lectura por incompetencia do Goberno local. Concretamente por non ter presentado en tempo e forma a estatística de bibliotecas do ano 2020 correspondente á do noso concello.

 

No Diario Oficial de Galiza (DOG) do pasado martes, 19 de abril, publicábase a relación das axudas concedidas dentro do Programa Ler Conta Moito 2022 para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galiza. Dun total de 238 concellos solicitantes só tres quedaron fóra. Gondomar entre eles por non ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2020 e non tela remitido ao Servizo do Sistema de Bibliotecas da Xunta.

 

É lamentable coñecer esta nova xusto na semana da celebración do Día do Libro, 23 de abril, mais non é nada novo o desleixo do goberno local do PSOE a respecto da cultura e máis concretamente do funcionamento da biblioteca municipal, como demostra o feito de que esta siga sen posto de bibliotecaria/o”, afirma Manuela Rodríguez, Portavoz municipal do BNG

 

Desde o BNG agardan que —no suposto de que o goberno Ferreira tivese a dilixencia de solicitala— non ocorra o mesmo coa axuda para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das coleccións das bibliotecas, porque tamén está entre os requisitos para a súa concesión ter cuberta e remitida a estatística do 2020. “Se se perde, indican, “perderase con ela a posibilidade de gastar en libros na nosa lingua e nas librarías de Gondomar os 1.500 euros que, como mínimo, garante a subvención, ademais de non contribuír á necesaria ampliación e actualización do catálogo de fondos da Biblioteca de Gondomar”.

O BNG denuncia que Gondomar fica sen a subvención da Xunta para dinamización da lectura por incompetencia do Goberno local