O BNG insta á Xunta da Mancomunidade a reeditar o Festival Internacional de músicas tradicionais MiñorSons

CartazMiñorSons2023
CartazMiñorSons2023

A organización nacionalista presenta unha moción para o seu debate no pleno da mancomunidade do Val Miñor que terá lugar o mércores 6 de marzo

O BNG insta á Xunta da Mancomunidade a reeditar o Festival Internacional de músicas tradicionais MiñorSons

VAL MIÑOR, marzo de 2024.- O BNG insta á Xunta da Mancomunidade a reeditaro Festival Internacional de músicas tradicionais MiñorSons. A tal fin, a organización nacionalista presenta unha moción para o seu debate no pleno da mancomunidade do Val Miñor que terá lugar este mércores, 6 de marzo, ás 13:30h na casa do concello de Baiona.

 

A primeira edición deste festival, organizado pola asociación cultural de música tradicional TradiSon, celebrouse en setembro de 2022. Daquela contou co patrocinio da Mancomunidade e coa participaron 10 agrupacións de Galiza, Castela, Illas Balears e Georgia, que afreceron nove concertos, seis para todos os institutos do Val Miñor e tres grandes galas, en Baiona, Gondomar e Nigrán, dunha calidade indiscutible que foi así valorada polo conxunto dos centros de ensino e pola veciñanza asistente aos espectáculos.

 

Froito da calidade do evento e da grande acollida, estabelecerase o compromiso verbal de lle dar continuidade. Mais, cando xa estaba feito o cartel, pechado o programa e comprometido gasto, mesmo con pagos xa realizados para unha nova edición do evento previsto dos días 21 a 26 de setembro de 2023, a organización veuse na obriga de suspender esa segunda edición do Festival Internacional MiñorSons pola falta de acordo de última hora para o patrocinio por parte da Mancomunidade. Un incumprimento que impediu a celebración do festival no 2023, unha segunda entrega que prometía superar o elevado nivel da primeira.

 

Desde o BNG entenden que non hai xustificación para perder un festival que, ademais de ofrecer dos concertos abertos en cada un dos concellos, abrangue xornadas de convivencia e intercambio cultural nos centros educativos do Val Miñor e realiza un labor de difusión didáctica de incalculábel valor sociocultural. “Non promocionalo só se podería calificar de enorme cegueira política ou de desprezo pola cultura, a comezar pola nosa propia”, apunta a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez.

 

Para o Bloque, o sucedido co Festival MiñorSons no 2023 foi outra das evidencias da necesidade de aprobación dun novo orzamento da Mancomunidade, actualmente prorrogado desde 2018, que permitiría, entre outras cousas, incluír nas contas unha partida para patrocinar e retomar o Festival MiñorSons co obxectivo de consolidalo como unha cita anual coa cultura e o folclore internacional no Val Miñor.

 

Nese sentido na moción a debater no Pleno da Mancomunidade o BNG propón a aprobación dun acordo para que a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor patrocine o Festival MiñorSons para este ano 2024, ao tempo que insta á Xunta de Goberno a incluír nuns novos orzamentos a edición do Festival MiñorSons como programación e atractivo cultural permanentes.

O BNG insta á Xunta da Mancomunidade a reeditar o Festival Internacional de músicas tradicionais MiñorSons