O BNG lamenta a suspensión da segunda edición do Festival MiñorSons polo “boicot” do PP desde a Mancomunidade
A fronte nacionalista denuncia que o “desprezo” dos populares pola cultura e a “desidia” do PSOE deixarán o Val Miñor sen este importante festival, que este ano prometía superar o elevado nivel da primeira edición.
Val Miñor, 5 de setembro de 2023.- O BNG lamenta a suspensión da segunda edición do Festival Internacional MiñorSons polo “boicot” do PP desde a presidencia da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor. A fronte nacionalista denuncia que o “desprezo” dos populares pola cultura e a “desidia” do PSOE deixarán o Val Miñor sen este importante festival, que este ano prometía superar o elevado nivel da primeira edición.
“Non hai xustificación para perder este festival que, ademais de ofrecer un concerto en cada un dos concellos, abranguía seis xornadas de convivencia e intercambio cultural e realizaba un labor de difusión didáctica nos centros educativos do Val Miñor de incalculábel valor sociocultural”, critican dende o BNG, que trasladaron o seu total apoio a TradiSón como entidade organizadora.
As nacionalistas consideran que impedir este evento demostra a “enorme cegueira política” do PP, nomeadamente do alcalde de Baiona e presidente de turno da Mancomunidade, Jesús Vázquez Almuíña, así como o seu “absoluto desprezo pola cultura, especialmente pola nosa cultura propia”.
Porén, dende a Bloque sinalaron tamén ao PSOE como responsábel desta perda porque, aseguran, os populares non poderían “boicotear” o festival se o anterior Goberno da Mancomunidade, formado por tres alcaldes socialistas, “tivese feito os deberes”. Así, lamentan que nin Carlos Gómez (Baiona), nin Juan González (Nigrán) nin Paco Ferreira (Gondomar) incluíran nas contas da entidade o financiamento necesario para reeditar o certame este 2023, logo do éxito da pasada edición.
“Preguntámonos por que non asumiron os concellos de Gondomar e Nigrán os custes totais cando sabían que a organización do festival, en base ao compromiso verbal do pasado setembro e que se mantivo até agosto deste ano, xa tiña gastos comprometidos e mesmo pagos realizados para o evento, previsto dos días 21 a 26 de setembro”, cuestionaron as nacionalistas.
“Mala xestión da Mancomunidade”
Para o BNG, o sucedido co Festival MiñorSons é unha evidencia máis da “mala xestión á fronte da Mancomunidade”, que se suma a outras eivas como a ausencia dunha secretaría dende hai varios meses que impide, entre outros, a convocatoria de Plenos ou a aprobación de novos orzamentos que permitiran, entre outras cousas, incluír nas contas deste ano a cantidade comprometida co MiñorSons.
De igual forma, lamentaron que sexa recorrente a falla de garantías de cara a formalizar contratos ou convenios destinados a actividades culturais, con garantías e coa anticipación suficiente para dar seguridade ás entidades que están detrás de cada acto cultural e viabilidade aos seus proxectos. “Unha forma de proceder que sería impensábel noutras áreas como o urbanismo ou a prestación de servizos, pero si cando se trata da cultura como se de algo superfluo se tratase”.
Nese sentido, a fronte nacionalista comprometeuse a seguir traballando tanto a nivel municipal como da Mancomunidade para retomar o Festival MiñorSons co obxectivo de consolidalo como unha cita anual coa cultura e o folclore internacional no Val Miñor.