A organización local de Gondomar pide o voto para o BNG nas eleccións europeas deste domingo

ActoGondomar1
Acto Gondomar

Desde Gondomar pedimos o voto de todas as persoas que xa confiaron no BNG para darlle a Galiza unha voz propia en Europa

A organización local de Gondomar pide o voto para o BNG nas eleccións europeas deste domingo

O BNG de Gondomar pide o voto para a candidatura encabezada por Ana Miranda nas eleccións europeas deste domingo 9 de xuño. A concelleira nacionalista de Gondomar, Manuela Rodríguez Pumar, convida “a todas as persoas que xa confiaron nas anteriores eleccións na formación nacionalista a apoiar tamén en Europa a nosa candidatura, a candidatura do BNG.”

E engadiu que “o BNG vén exercendo como a voz que defende os intereses da Galiza fronte ás políticas da Unión Europea e precisamos manter esa capacidade de falar por nós propi@s. E si, aínda que pareza un tópico, temos que dicir que en Europa tamén se cumpre aquilo de que “se o BNG está, Galiza está”. E engadiu “as políticas europeas tamén teñen que ver cos nosos problemas locais e en Europa é onde tamén podemos loitar polo saneamento da Foz do Miñor”

BNG de Gondomar celebrou un concorrido acto de campaña en que participaron, ademais de Manuela Rodríguez, os candidatos Roberto Pascual e Bieito Lobeira. Pascual destacou que “a presenza de Ana Miranda en Europa fixo que estean na axenda de Bruxelas temas tan importantes como a continuada sangría de emigración da nosa xente moza, a salvagarda dos nosos sectores produtivos, a protección do noso medio ambiente, patrimonio, un rural vivo, etc.”

Pola súa parte Lobeira incidiu en que “o que o BNG defende basicamente é o dereito de Galiza a traballar e a producir como xa o fan outros pobos europeos. Nós somos nacionalistas, apostamos polo noso e dende logo isto é o que imos defender no Parlamento Europeo”.

Este domingo temos a oportunidade de apoiar unha organización que tamén loitará por unha Europa que coida o medio ambiente contra proxectos como o de Altri ou a eólica mariña e, máis concretamente, reclamando o saneamento da Foz do Miñor na nosa comarca; unha Europa solidaria que combate a xenofobia; unha Europa da paz e non da guerra, que non cala ante o xenocidio en Palestina. Iso será o que apoiemos votando BNG nestas eleccións ao Parlamento europeo.

A organización local de Gondomar pide o voto para o BNG nas eleccións europeas deste domingo