O BNG de Gondomar elixe a Manuela Rodríguez como candidata: “Merecemos un concello con servizos públicos”

FotoManuelaRP_CandidataBNG2023
FotoManuelaRP_CandidataBNG2023

A Asemblea Local do Bloque renova por unanimidade a confianza na actual concelleira destacando o seu traballo neste mandato como única alternativa real e solvente fronte á inacción do Goberno local

Manuela Rodríguez: “Aspiramos a ser unha forza determinante para que Gondomar sexa un concello para vivir e no que se escoiten e atendan as necesidades veciñais”

O BNG de Gondomar elixe a Manuela Rodríguez como candidata: “Merecemos un concello con servizos públicos”

GONDOMAR, 9 de decembro 2022.- O Bloque Nacionalista Galego vén de elixir por unanimidade a Manuela Rodríguez como candidata á alcaldía de Gondomar para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023. A Asemblea Local nacionalista renova así a confianza na actual portavoz municipal e concelleira destacando o seu traballo neste mandato que situou o proxecto do Bloque como “única alternativa real e solvente fronte á inacción” do Goberno local.

“Merecemos un concello con servizos públicos, un Gondomar para vivir e no que se escoiten e atendan as necesidades veciñais”, defendeu Rodríguez na súa intervención, após ser nomeada pola militancia. A candidata do BNG asegurou que concorren aos comicios coa aspiración de ser “unha forza determinante” co obxectivo de demostrar que é posíbel outra forma de gobernar que mellore a vida no concello.

A Asemblea Local nacionalista puxo en valor a intensa actividade tanto a nivel institucional como no plano social durante os últimos tres anos e medio de mandato. Un traballo no que o Bloque sempre apostou pola participación das veciñas e dos veciños de Gondomar para marcar as prioridades políticas. “Demandamos actuacións e propuxemos alternativas e solucións a numerosas problemáticas como a falla de saneamento, o transporte, a auga, os comedores escolares, ou a conexión de Internet”, lembrou.

Servizos para todas as parroquias

Rodríguez destacou que o BNG presentará unha candidatura formada por un grupo heteroxéneo de persoas pero baixo unha idea clara: “Traballar por e para a xente, sabendo que Gondomar é máis que o seu casco urbano”. Nese sentido, destacou que o Bloque conta cun proxecto para as próximas municipais “moderno e dinámico, así como serio e rigoroso, pensado para conseguir unha mellor calidade de vida nun concello con servizos públicos para todos e en todas as parroquias”.

A candidata do BNG chamou a construír un Gondomar con “oportunidades” diante da “parálise” na que o ten sumido o actual Goberno municipal, que se demostrou estes anos “incapaz” de dar resposta ás necesidades veciñais e de facer avanzar o concello, como evidencia a falla de orzamentos actualizados durante máis dunha década. “O Bloque aspiramos a un Concello que escoite e responda ás necesidades, non a un Gondomar gobernado desde o Facebook e que menospreza a calquera veciña e veciño que traslada unha queixa ou problema”, remachou Rodríguez.

Encontros veciñais

A fronte nacionalista iniciou nos pasados días unha rolda de encontros coas que está a visitar todas as parroquias de Gondomar para coñecer de primeira man a opinión da veciñanza cun duplo obxectivo: seguir a formular alternativas nas institucións e incorporar no seu programa electoral as achegas e propostas. Un total de trece citas que comezaron por Morgadáns e Chaín e continuaron por Mañufe, Donas, Vincios, Prado, Vilas, San Cibrán e Couso. Hoxe sábado 10 estarán en Borreiros, mañá domingo 11 en Peitieiros e o luns 12 en Vilaza, fincando únicamente por fixar a cita da parroquia de Gondomar.

O BNG de Gondomar elixe a Manuela Rodríguez como candidata: “Merecemos un concello con servizos públicos”