O BNG insta á Xunta a incrementar o finanzamento do ciclo de Guía no medio natural que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar
Demandan unha partida específica para cubrir os custos adicionais de servizos que o centro debe contratar para a formación en escalada ou socorrismo, necesarios para garantir a óptima formación deste ciclo de FP
GONDOMAR, xuño de 2024.- O BNG ven de presentar unha inicitiva para o seu debate no Parlamento galego en que insta á Xunta a mellorar o financiamento do ciclo de Formación Profesional de Guía no medio natural e de tempo de lecer que se imparte no instituto Terra de Turonio de Gondomar. Demandan incluír nos orzamentos unha partida específica para afrontar os custos extraordinarios que o centro educativo soporta para poder impartir ese ciclo de grao medio coas mellores garantías de calidade e formación.
Tal como explica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, “o ciclo conta con varios módulos que se deben impartir fóra das instalacións. Isto implica a asunción duns custos adicionais, como escalada, natación ou socorrismo, entre outros, aos que se engaden os gastos de desprazamento máis os derivados da compra de materiais específicos”.
A organización nacionalista faise eco das demandas da comunidade educativa que denuncia que, se ben no primeiro ano lectivo en que o ciclo pasou á modalidade LOE, a administración transferiu unha partida específica para facer fronte aos gastos da implantación do mesmo, nas anualidades seguintes «os gastos recorrentes están a ser sufragados co orzamento xeral dos centros ou obrigando o centro a ter que buscar outras fontes de financiamento que non sempre se conseguen». Esta falta de financiamento poderá afectar ao normal funcionamento do instituto pois “ou se reduce de forma drástica a asignación a outras actividades e departamentos ou hai que reducir as actividades educativas de interese para o alumnado do ciclo”.
Até o de agora, á Xunta o único que se lle ocorreu é que algúns contidos deste ciclo se impartan nas aulas do IES ‘con lentes de realidad virtual’, ou que obteñan fondos a cambio de que os docentes do ciclo impartan cursos para a obtención de certificados de profesionalidade a maiores da súa xornada laboral, solucións peregrinas que, obviamente, rexeitan.
O BNG denuncia a actitude vergoñenta do goberno do PP “que nos bombardea anunciando ‘a maior oferta de FP de Galiza’, e logo os ciclos formativos non contan cos fondos necesarios para os manter e para facer competitivo o alumnado que os cursa”.
A iniciativa, que a deputada nacionalista Cristina Fernández debaterá este venres en comisión parlamentaria, insta o goberno da Xunta a dotar o centro IES Terra de Turonio, que imparte este ciclo medio de Guía no medio natural e do tempo libre, dunha partida orzamentaria específica, dimensionada de acordo co informe de necesidades presentado polo centro, que permita atender a contratación de servizos e recursos necesarios para o correcto desenvolvemento da formación.