A Mancomunidade aproba a moción do BNG en demanda do bacharelato de artes no Val Miñor

fotoiesaugadalaxe
fotoiesaugadalaxe
A Mancomunidade aproba a moción do BNG en demanda do bacharelato de artes no Val Miñor

Val Miñor, outubro de 2024.- A Mancomunidade do Val Miñor aprobou no pleno de setembro unha moción do BNG instando á Consellería de Educación a implantar o bacharelato de artes nalgún dos institutos do Val Miñor para o vindeiro curso 2025-2026.

Na moción defendida pola representante do BNG Manuela Rodríguez, expúñase que dos catro IES do Val Miñor en que se imparte o bacharelato ningún oferta a opción do Bacharelato de Artes, polo que o alumnado que quere matricularse nesta especialidade ten que facelo fóra do Val Miñor. Así, un mozo ou unha moza de Baiona, Gondomar ou Nigrán que opte pola formación de arte no ensino secundario ten que se desprazar a Mos, Vigo ou Redondela, unha decisión que ademais de implicar un importante desembolso económico supón un gran investimento de tempo para se desprazar ata e desde o centro de estudos.

Nalgúns casos, malia existir liñas de transporte público desde o Val Miñor, estas non conectan directamente co instituto elixido, polo que o alumnado ten que combinar varios autobuses e empregar moito tempo nos desprazamentos “chegando a ter que saír da casa ás seis da mañá”, indica Rodríguez. Iso sempre que se consiga praza nalgún deses centros, porque non hai garantía debido a que as matrículas teñen lista de agarda desde o momento da solicitude. Porén, e malia as dificultades que poderían actuar como factor disuasorio para moitas mozas e mozos que teñen como opción preferida o estudo de artes, as alumnas e alumnos dos tres concellos do Val matricúlanse igualmente nesa modalidade do bacharelato noutros concellos.

As consultas feitas aos servizos de orientación dos centros do Val Miñor en cursos anteriores indican que o número de alumnado interesado nesa especialidade segue en aumento, polo que a súa implantación na zona é realmente necesaria para cubrir esta eiva na oferta actual que tamén podería dar cobertura a outros concellos limítrofes. De feito, o Consello Escolar do IES Auga da Laxe xa se dirixira en 2022 á Consellería de Educación para solicitar a implantación no Val Miñor do Bacharelato de Artes, para posibilitar o dereito do alumnado do Val a acceder ás diferentes vías do Bacharelato e que a ausencia de oferta non supuxera unha discriminación para o alumnado e as súas familias.

Sorprendentemente a moción do BNG non contou co apoio das representantes do PP e o que é peor, a concelleira do PP de Gondomar, Paula Bouzós, asegurou durante o debate que ‘a Xunta xa ten decidido non implantar o bacharelato de artes no Val Miñor’. A nacionalista reprochoulle á popular que se dedique a “facer de voceira das malas decisións do goberno de Rueda” e instou ao PP a “rectificar a súa actitude e a atender as necesidades do noso alumnado”.

A Mancomunidade aproba a moción do BNG en demanda do bacharelato de artes no Val Miñor