O BNG denuncia que, un ano máis, Xunta e Concello deixan sen comedor ás crianzas do CRA Antía Cal

BNG denuncia CRA sen comedor
BNG denuncia CRA sen comedor

Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Máis unha vez, Xunta e Concello deixan tiradas as familias; estamos ás portas do inicio dun novo curso sen servizo de comedor para o colexio rural agrupado. Cómpre poñer remedio a este agravio comparativo, só fai falla vontade política”

O BNG denuncia que, un ano máis, Xunta e Concello deixan sen comedor ás crianzas do CRA Antía Cal

Gondomar, 30 de agosto de 2024.- O BNG de Gondomar denuncia que, un ano máis, Xunta e Concello deixan sen comedor ás crianzas do CRA Antía Cal. “Estamos no inicio dun novo curso sen servizo de comedor para o colexio rural agrupado. Máis unha vez, Xunta e Concello deixan tiradas as familias”, critica a portavoz municipal Manuela Rodríguez.

As portas da aula de Peitieiros e cunha faixa onde se pode ler “O comedor do CRA, para cando?” o BNG recolle a pregunta que se fan as familias do alumnado de infantil deste colexio rural que, outro ano máis, se vai ver discriminado con respecto ás crianzas dos CEIPs de Gondomar, Vincios ou Donas en que si disporán de servizo de comedor.

“Ú-lo ‘importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’ que predica o decreto de comedores da consellería de educación? Ú-la ‘presunta apertura’ dun comedor na unitaria de Peitieiros que ía estar preparado xa no curso pasado?” pregúntanse.

E é que por un lado, hai dous anos, cando o goberno local do PSOE decidiu abandonar a xestión dos comedores escolares e foi asumida pola Xunta -administración a quen lle corresponde-, o goberno galego do PP decidiu prohibirlles ás familias do CRA de Peitieiros usar o servizo de comedor existente no CEP Xosé Neira Vilas da mesma parroquia, un servizo ao que si tiñan acceso en anos anteriores.

Por outro, en abril de 2023 en plena pre-campaña das municipais, o Alcalde Paco Ferreira saía na prensa declarando que ía converter a vivenda anexa á aula do CRA en Peitieiros en comedor escolar para o curso seguinte. Pero, como tanta promesa electoral, “foise co vento” e nin houbo en setembro de 2023 nin no de 2024 hai nada feito ao respecto.

Estamos a menos de dúas semanas do inicio do curso e semella que as crianzas de 3 a 6 anos do CRA Antía Cal volven ficar excluídas dun servizo que debería ser universal, e as súas familias privadas dunha ferramenta imprescindíbel para a conciliación, coas conseguintes consecuencias negativas tanto a nivel familiar como económico e laboral.

Desde o BNG “instamos a Xunta e Concello a que poñan remedio a esta clara discriminación. Rematar con este agravio comparativo é posíbel, só fai falla a vontade política de poñerlle fin”. Nese sentido, desde o Bloque indican que “seguiremos a presentar propostas e iniciativas políticas” tanto no parlamento galego como no pleno municipal encamiñadas a dotar ao CRA Antía Cal, no menor tempo posíbel, do necesario servizo de comedor escolar ao que ten dereito.

 

 

O BNG denuncia que, un ano máis, Xunta e Concello deixan sen comedor ás crianzas do CRA Antía Cal