O PP vota en contra de dotar dos fondos necesarios ao ciclo de Guía no medio natural que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar

A deputada nacionalista Cristina Fernández Davila
A deputada nacionalista Cristina Fernández Davila

 

Cristina Fernández, deputada do BNG: "Coa falla de orzamento e profesorado o PP ‘privatiza’ os ciclos de Guía no medio natural. Demandamos do goberno galego un compromiso serio para poñer en valor un ciclo formativo moi demandado pola mocidade e cunha formación de gran calidade e con moi boa saída laboral"

O PP vota en contra de dotar dos fondos necesarios ao ciclo de Guía no medio natural que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar

Gondomar, 5 de setembro 2024.- O PP votou en contra da iniciativa parlamentar do BNG para dotar dos fondos necesarios o ciclo de Guía no medio natural que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar.

A deputada do BNG encargada da área de Educación, Cristina Fernández Davila, acusou onte ao Goberno do PP de querer privatizar os ciclos medios de Guía no medio natural e tempo libre ao non orzamentar partidas suficientes e ademais reducir o número de docentes. “A Xunta, no canto de sacar unha batería de medidas para poñer en relevancia estes ciclos formativos tan demandados e para impulsar que máis centros os poidan ofertar, pretenden tapar a presión social cunha serie de ‘minichanchullos’ para saír do paso e calar as protestas da comunidade educativa”, criticou.

Davila fixo estas declaracións durante a súa exposición na Comisión 4ª, onde reclamou máis recursos e máis estables para os centros IES de Poio, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Terra de Turonio de Gondomar e o IES Porto do Son, que teñen na súa oferta educativa este ciclo medio. O PP votou en contra desta iniciativa do BNG.

A deputada nacionalista lembrou que na comisión do pasado 14 de xullo, a directora xeral de FP, María Eugenia Pérez, se comprometera a investir máis de 300.000 euros para impartir este ciclo medio nos catro institutos, cartos cos que contaron as direccións dos centros para traballar durante todo o verán “coa esperanza de que tal anuncio fose certo”.

Pero non. Así, o único recibido até o de agora foi unha primeira asignación, o 30 de xullo, para cada IES de 13.900 euros, cantidade coa que “nin sequera se poden comprometer a facer as prácticas durante todo o curso”, pois deben ser gastadas antes do 31 de decembro. E outra achega de 6.000 euros, o 2 de agosto, para material.

Así mesmo, Fernández Davila lembrou que a directora xeral tamén se comprometera a dotar os centros de máis material, pero a día de hoxe “non teñen información sobre que material é, nin se é axustado ou necesario para os seus centros e para este ciclo en particular”.

Desde o BNG denuncian que os centros continúan sen orzamento estable para levar adiante con normalidade o curso que está a piqués de comezar. Non poden ter pechados desde o inicio de curso os alugueiros de todas as instalacións para as practicas, nin teñen a certeza de poder costear todas as actividades que adoitan desenvolverse para a formación do alumnado.

A organización nacionalista volve reclamar unha partida específica e estable que sexa acorde co informe de necesidades presentado polos centros, e que se dote ademais do material comprometido pola Consellería. Por outra banda, reclámalle á Xunta a aprobación das directrices que deben seguir os centros, tendo en conta que unha boa parte da formación deste ciclo se desenvolve fóra do recinto escolar.

O BNG demanda do goberno galego do PP “un compromiso serio para poñer en valor un ciclo formativo moi demandado pola mocidade e cunha formación de gran calidade e con moi boa saída laboral”, resalta a deputada Cristina Fernández.

O PP vota en contra de dotar dos fondos necesarios ao ciclo de Guía no medio natural que se imparte no IES Terra de Turonio de Gondomar