O BNG denuncia a inacción do PSOE co acoso laboral e a falla de efectivos no GES Val Miñor

GES Val Miñor
GES Val Miñor

A fronte nacionalista rexistra mocións nos Plenos do Val Miñor para esixir solucións a estas problemáticas no corpo de emerxencias, dependente da Mancomunidade de Concellos

O BNG denuncia a inacción do PSOE co acoso laboral e a falla de efectivos no GES Val Miñor

GONDOMAR, 03 de outubro 2022.- O Bloque Nacionalista Galego critica a inacción do PSOE, á fronte da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, polos casos de acoso laboral denunciados no Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e diante da falla de efectivos que padece o corpo. A fronte nacionalista vén de rexistrar mocións aos Plenos do Val Miñor para esixir solucións urxentes a estas problemáticas que repercuten de forma grave na seguridade dos concellos.
 

Este verán o GES volveu estar baixo mínimos, como xa ocorrera a primeiros de ano”, advirten desde o BNG despois de que en agosto, coa poboación e a actividade no Val Miñor multiplicadas polas vacacións e o turismo, o servizo nocturno de emerxencias contara cun só efectivo durante noves días e ficara pechado os días 31 de agosto e 1 de setembro.

Desde a fronte nacionalista instan por este motivo ao goberno da Mancomunidade a resolver con urxencia as bolsas de contratación para cubrir vacantes e baixas, causa da carencia de persoal no GES, e que están paralizadas por unha cuestión técnica. “O GES é un servizo de vital importancia para Nigrán, Gondomar e Baiona, só no ano 2021 realizou máis de 2.500 intervencións”, destacan no Bloque, “polo que a falla de efectivos repercute negativamente na seguridade debido ao incremento nos tempos de resposta en casos de emerxencia”.

 

Acoso moral e por razón de sexo

De igual forma, o BNG urxe convocar de inmediato a Comisión de Investigación de Acoso da Mancomunidade para dar solución ao conflito que vive a entidade nos últimos anos derivado de varios casos de acoso moral e por razón de sexo. As nacionalistas piden así que se ratifique o informe elaborado pola propia Comisión que confirmaba estas conductas pero que o entón presidente da Mancomunidade, o alcalde socialista de Nigrán, Juan González, deixou sen efecto paralizando o procedemento.

 

A inacción da Mancomunidade foi obxecto mesmo de sanción por parte da Inspección de Traballo e da Seguridade Social que, en abril de 2021, multou con 25 mil euros á entidade pola falla de actuacións malia ser coñecedora destes casos de acoso. Un conflito laboral que, denuncian as nacionalistas, están a provocar baixas no persoal do GES, agravando desta forma a falla de persoal no corpo de emerxencias.

O BNG denuncia a inacción do PSOE co acoso laboral e a falla de efectivos no GES Val Miñor