O BNG insta a convocar o pleno extraordinario da Mancomunidade para tratar a situación do GES

GES Val Miñor
GES Val Miñor

A organización nacionalista lémbralle á Xunta de Goberno o compromiso adquirido polo presidente saínte, o popular Jesús Almuíña, no pleno de decembro

O BNG insta a convocar o pleno extraordinario da Mancomunidade para tratar a situación do GES

Val Miñor, 29 de xaneiro de 2024.- O BNG insta á Mancomunidade a convocar pleno extraordinario para tratar a situación de absoluta precariedade do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). A organización nacionalista lembralle á Xunta de Goberno o compromiso adquirido no pleno de decembro polo daquela presidente, o popular Jesús V. Almuíña, durante o debate da moción presentada polo Bloque.

A iniciativa presentada pola concelleira do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, solicitaba o reforzamento do GES, un servizo que se presta con só doce efectivos, número claramente insuficiente para facer fronte ás posíbeis emerxencias da poboación habitual do Val Miñor de 45.000 habitantes e moito máis na época estival en que se esa cifra se ve triplicada.

A falla de persoal forza a facer quendas de dous efectivos cando, como mínimo e por seguridade, deberían ser de tres. Esta situación provoca que se recorra por sistema ás horas extras voluntarias, no canto reforzar o servizo con novas contratacións, tal como estaba establecido no convenio asinado en 2018 e que contemplaba que en 2021 deberían ser xa 18 traballadores/as. Se a esta situación se lle suman baixas, permisos ou vacacións, as quendas chegan a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo pecha por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces.

A maiores, súmase a inacción de toda a Xunta de Goberno da Mancomunidade na resolución do conflito interno provocado pola situación de acoso moral e por razón de sexo ditaminada en 2022 pola Comisión de Investigación de Acoso da Mancomunidade. Así, a día de hoxe, dous anos despois e con tres presidencias distintas desde o devandito informe da Comisión, nada se moveu por parte da institución, deixando que a difícil situación da relación laboral interna continuara a deteriorarse até o punto de influír na saúde do persoal e de condicionar a conformación das quendas de traballo. “Un desleixo temerario por parte dos sucesivos gobernos da Mancomunidade que pon en xogo nada máis e nada menos que o correcto funcionamento dun servizo do que poden chegar a depender os nosos bens e as nosas vidas”, lamenta Rodríguez.

Estas circunstancias vénse agravadas pola situación de precariedade que tamén viven os parques de bombeiros máis próximos O Porriño ou Vigo, que son os que poden reforzar o servizo de emerxencias nos nosos concellos. As deficiencias neses servizos son tamén públicas e notorias nos últimos tempos, polas mobilizacións que están a realizar tanto as e os traballadores dos parques comarcais dependentes de Xunta e Deputación, como os municipais dependentes do Concello de Vigo.


 

Diante desa situación, o Bloque Nacionalista Galego insta á reunión á maior brevidade posíbel para debater e aprobar medidas de correción. Entre elas, resolver con urxencia as cuestións técnicas formuladas polo recurso interposto contra as bases da bolsa de contratación para cubrir as vacantes ou baixas no GES para poder incrementar os efectivos, rematar o proceso de estabilización dos postos de traballo temporais, e reactivar, de xeito inmediato, a Comisión de Investigación de Acoso da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor para lle dar continuidade e peche ao proceso aberto en 2021.

 

O BNG insta a convocar o pleno extraordinario da Mancomunidade para tratar a situación do GES