O BNG demanda a inclusión da moción do BNG sobre a situación do GES no pleno ordinario da Mancomunidade

GES Val Miñor
GES Val Miñor

A organización nacionalista denuncia, máis unha vez, o incumprimento do acordo adoptado no pleno de decembro que instaba a debatela no mes de xaneiro

O BNG demanda a inclusión da moción do BNG sobre a situación do GES no pleno ordinario da Mancomunidade

VAL MIÑOR, MARZO 2024.- O BNG demanda a inclusión, no pleno ordinario da Mancomunidade do mércores 6 de marzo, da moción do BNG sobre a situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). A organización nacionalista denuncia, máis unha vez, o incumprimento do acordo adoptado no pleno de decembro que instaba a debatela no mes de xaneiro nun pleno extraordinario que non foi convocado. “Non parece preocuparlle a ningún dos tres alcaldes que forman a xunta de goberno a situación de absoluta precariedade nas condicións de traballo dos efectivos do GES”, lamentan os representantes do BNG na Mancomunidade, Iago Pereira e Manuela Rodríguez.

 

A iniciativa, presentada en decembro, solicitaba o reforzamento do GES, un servizo que se presta con só doce efectivos, un número claramente insuficiente para facer fronte ás posíbeis emerxencias da poboación habitual do Val Miñor, de 45.000 habitantes, que se ve triplicada na época estival.


 

A falla de persoal forza a facer quendas de dous efectivos cando, como mínimo e por seguridade, deberían ser de tres, e cando se producen baixas, permisos ou vacacións, as quendas chegan a ser dunha soa persoa ou, no peor dos casos, o servizo pecha por falta de persoal, como xa ten pasado moitas veces. “O desleixo por parte dos sucesivos gobernos da Mancomunidade convértese en temerario cando se pon en xogo nada máis e nada menos que o correcto funcionamento dun servizo do que poden chegar a depender os nosos bens e as nosas vidas”, denuncian novamente desde o BNG.


 

É por iso que, diante da convocatoria do pleno ordinario de marzo, o BNG solicita que se incorpore a moción na orde do día para debater e aprobar medidas de correción como resolver o recurso interposto contra as bases da bolsa de contratación para poder incrementar os efectivos, o remate do proceso de estabilización dos postos de traballo temporais, ou a reactivación, de xeito inmediato, da Comisión de Investigación de Acoso da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor para lle dar continuidade e peche ao proceso aberto en 2021.

O BNG demanda a inclusión da moción do BNG sobre a situación do GES no pleno ordinario da Mancomunidade