TENDO EN CONTA QUE HAI SERVIZOS ESENCIAIS SEN ATENDER
O BNG considera excesivo o gasto do alumeado do nadal en Gondomar
O BNG, tendo en conta que no concello hai servizos esenciais sen atender, considera excesivo o gasto do alumeado do nadal en Gondomar, un total de 90.000€ que o goberno de Ferreira compromete para este ano e o 2023.
Cualifica de agresión ambiental a poda salvaxe do liquidámbar da avenida Elduayen
Desde o BNG, tendo en conta que no concello hai servizos esenciais sen atender, consideramos excesivo o gasto do alumeado do nadal en Gondomar, un total de 90.000€ que o goberno de Ferreira compromete para este ano e o 2023.
“Coa que está a caer, con cada vez máis familias con problemas para pagar as facturas da luz, resulta até ofensivo que o goberno local comprometa tanto gasto en luces de nadal”, lamenta Rodríguez. “Máxime cando unha das carencias que a veciñanza nos está a trasladar nas visitas as parroquias é a falla de alumeado público nalgunhas zonas do concello”.
Na nosa opinión, este é un novo capítulo do plaxio do modelo vigués de Caballero: querer tapar con luces led a falla de servizos no concello. Só así se entende que nas bases do concurso para a contratación do alumeado conste algo tan disparatado como que o alumeado de nadal é unha tradición ‘con moito peso turístico en Gondomar’. “Desde cando?”, preguntámonos. E tamén como o vigués, este modelo contempla iluminar e decorar só os ‘espazos públicos mais significativos’ e ‘as principais rúas do centro da vila’, deixando as parroquias ás escuras, coa colocación de apenas un arco en cada unha.
A maiores, o goberno local incumpre a ordenanza de medio ambiente. Outra das sombras do alumeado do nadal é, un ano máis, a poda salvaxe do liquidámbar de gran porte situado no xardín público onde se atopa a figura de Don Diego Sarmiento de Acuña, á beira da Avenida Elduayen, en pleno centro de Gondomar, co único obxecto de lle colocar dous quilómetros de luces led. Persoas especializadas en arboricultura indican que esta especie, Liquidámbar styraciflua, non precisa poda, só eliminar as polas mortas, máis nunca facer unha poda agresiva. E cualifican o pelado deste exemplar, que se pode apreciar na foto comparativa, como unha agresión ambiental.
Puxemos este feito en coñecemento da concellería de medio ambiente por considerar que constitúe un incumprimento, por parte do goberno local, da propia Ordenanza Municipal de Medio Ambiente. Así, no seu artigo 56, referido ao uso das zonas verdes públicas di que todas as persoas, tanto físicas como xurídicas, deben absterse de ‘calquera acto que poida danar o arborado’; e no 58, en que fala da protección de elementos vexetais públicos, di expresamente que non se permitirá ningunha ‘manipulación realizada sobre as árbores’, nin ‘atar os mesmos calquera outro elemento’.
Porque para o NÓS a celebración do nadal pode ser plenamente luminosa sen necesidade de que o seu alumeado estea por riba do respecto á natureza nin por diante dos servizos ou dos dereitos das persoas.
Podes ver o vídeo aquí: https://www.youtube.com/shorts/nSM2KRLHu4c