O BNG de Gondomar insta ao goberno local a destinar a novo saneamento a liña 1 do plan +Provincia da Deputación

PlenoGondomar
PlenoGondomar

Desa liña, que subvenciona os investimentos en obras e servizos de competencia municipal, correspóndenlle a Gondomar 780.000€

 

Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Máis unha vez, lembrámoslle ao Alcalde que non hai no noso concello nada máis prioritario que dotar deste servizo ás máis de 3.000 vivendas que non o teñen.”

O BNG de Gondomar insta ao goberno local a destinar a novo saneamento a liña 1 do plan +Provincia da Deputación

GONDOMAR, 11 de xaneiro de 2025.- O BNG de Gondomar insta ao goberno local do PSOE a destinar a novo saneamento a totalidade da liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. “Máis unha vez, lembrámoslle ao Alcalde que non hai no noso concello nada máis prioritario que dotar deste servizo ás máis de 3.000 vivendas que non o teñen”, insiste a voceira do BNG, Manuela Rodríguez.

O plan de obras e servizos de competencia municipal, denominado este ano Plan +Provincia 2025, é o plan que a Deputación de Pontevedra elabora no marco do previsto na Lei de bases do réxime local, que establece a obriga das deputacións provinciais de aprobar un plan provincial de cooperación cos concellos de menos de 50.000 habitantes. Este ano está dotado con 48,2M€ e distribuído en catro liñas de subvención e, ao igual que nos anos anteriores, os concellos poderán elixir libremente os investimentos e actuacións subvencionables que desexen realizar.

En función dos criterios de repartición establecidos, ao concello de Gondomar correspóndelle un total de 1.115.000€. Dese importe, 780.000€ corresponden á liña 1, a destinada a subvencionar investimentos en obras e servizos de competencia municipal. Para o BNG está claro: “a totalidade debe ir para saneamento; sabemos que non dá para resolver a grave carencia deste servizo, apenas chegará para un chisco, pero o que non se pode permitir é seguir sen priorizalo, por necesidade veciñal e por razón de saúde pública”.

O único requisito é presentar os proxectos nun prazo de tres meses. “Agardamos que o goberno local fixera os deberes e xa os teña elaborados”, traslada a portavoz do BNG, “malia que a nós aínda non nolos fixeran chegar por máis que os solicitamos, porque perder ese investimento en novo saneamento sería lamentable.”

O BNG de Gondomar insta ao goberno local a destinar a novo saneamento a liña 1 do plan +Provincia da Deputación