O BNG pide á Deputación que rexeite os parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira

ImaxeProxectoParqueEólicoRoleira
ImaxeProxectoParqueEólicoRoleira

O BNG pide á Deputación que rexeite os parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira polas graves afeccións no sur da provincia

O grupo provincial nacionalista cualifica os proxectos de “insólitos” por non ter en conta as características da costa e das augas e entrar en conflito con núcleos de poboación no seu tramo terrestre

O BNG pide á Deputación que rexeite os parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira

O grupo provincial do BNG vén de presentar unha moción para que a Deputación de Pontevedra rexeite de maneira oficial os parques de eólica mariña Roleira e Pintón, ambos na costa suroeste da provincia, polas súas graves afeccións ambientais, sociais e económicas. O Bloque considera que os proxectos son “insólitos” e “chamativos” porque non teñen en conta ningún condicionante ou característica propia da costa nin das augas no seu ámbito de actuación, ademais de entrar en conflito con varios núcleos de poboación no seu tramo terrestre.

A moción do BNG pretende obrigar ao goberno do PP a manifestarse no Pleno deste venres sobre os parques mariños ante o silencio da institución liderada por Luís López. A deputada nacionalista Manuela Rodríguez presentara hai semanas unha pregunta sobre se o goberno provincial, como entidade afectada, fixera algunha consideración sobre os proxectos dentro do prazo de consultas previas aberto polo Ministerio de Transición Ecolóxica. Ata o momento non houbo resposta.

Para o BNG é “fundamental e urxente” que o Pleno provincial se manifeste contra a instalación dos proxectos, que ao seu entender terían consecuencias moi negativas para os concellos do sur da provincia. O Bloque subliña que os parques non consideran “nin a estreita plataforma continental galega, nin as actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas que se desenvolven nelas, nin os ecosistemas existentes nas mesmas, nin os posíbeis impactos ambientais, sociais e económicos que poden derivar desas instalacións”.

Apunta o grupo provincial do Bloque que o parque mariño de Roleira suporía a instalación de 33 aeroxeradores (594 MW) a menos de 29 quilómetros da costa da Guarda, cunha liña de evacuación polo fondo mariño de 30,11 quilómetros e outra de 30,35 quilómetros por terra, ata a subestación eléctrica de Atios no Porriño.

O trazado do cable submarino, explica o BNG na moción, partiría de Oia e percorrería a práctica totalidade do fronte costeiro dende Baiona ata A Guarda, atravesando zonas de esforzo pesqueiro das artes de arrastre en parella, arrastre porta, cerco e trasmallo.

No seu trazado terrestre, tanto aéreo como soterrado, afectaría aos concellos de Oia, Gondomar, Baiona e Tui, ata chegar á subestación eléctrica de Atios no Porriño, traspasando os cursos dos ríos Miñor e Louro. O proxecto recoñece ademais que afecta a Hábitats de Interese Comunitario (HIC), así como a núcleos de poboación e zonas de gandaría tradicional.

O parque eólico mariño Pinzón suporía a instalación de 36 aeroxeradores (540 MW) cunha liña de evacuación polo fondo mariño de 25,15 quilómetros e outra liña de 45 quilómetros por terra, ata a futura instalación de hidróxeno verde da Plisan. Afectaría directamente aos concellos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui no Baixo Miño; As Neves, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño no Condado-Paradanta; e Baiona e Gondomar no Val Miñor.

Ademais das posíbeis afeccións paisaxísticas, patrimoniais e ambientais e a caladoiros e recursos pesqueiros, que segundo o BNG o proxecto non determina, os parques afectarían directamente á Rede Natura e espazos protexidos como o Monte Aloia ou as Gándaras de Budiño. Tamén afectarían a comunidades de augas e comunidades de montes, “chamando a atención que, sendo estas últimas propietarias de gran parte do territorio afectado, non foran consultadas como entidades interesadas”.

No que respecta ás liñas de evacuación submarina e terrestre, os documentos do expediente admiten que, “de xeito explícito ou implícito, o parque supón afeccións medioambientais e socioeconómicas para a actividade pesqueira e de tráfico marítimo, e que entra tamén en conflito con áreas poboacionais no seu tramo terrestre”.

Subliña o BNG que existe unha grande preocupación “e mesmo alarma” entre a cidadanía xa que os proxectos están a ser presentados de maneira “masiva” sen que “nin ás propias empresas nin ás administracións públicas pareza importarlles que a planificación dos espazos mariños estea nin sequera aprobada”. Hai, segundo o Bloque provincial, unha “competición” de empresas “pola obtención dun recurso, o vento, que reporta grandes beneficios aos seus promotores” que, ademais, “teñen a posibilidade de empregar fondos públicos”.

O BNG pide á Deputación que rexeite os parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira