O BNG lamenta que as primeiras enchentes do outono-inverno volvan causar danos pola inoperancia dos gobernos local e galego
Veciñanza e comerciantes das zonas inundábeis volven vivir co medo de repetir situacións pasadas mentres as institucións aínda non fixeron nada por evitar os asolagamentos
O BNG convoca concentración para este sábado ás 12h diante do Concello en demanda de medidas urxentes que eviten peores consecuencias que as de hoxe
Gondomar, a 26 de outubro de 2023.- O BNG lamenta que as primeiras enchentes do outono-inverno volvan causar danos pola inoperancia dos gobernos local e galego. “É indignante que, logo das enchentes vividas no nadal pasado e das súas graves consecuencias, volvamos vivir situacións como as de hoxe sen ter adiantado nada na liña da prevención”, indica a portovoz do BNG, Manuela Rodríguez.
Así, veciñanza e comerciantes das zonas inundábeis do concello volven vivir co medo de repetir situacións similares. Mentres o Alcalde anda de viaxe sen deixar as deberes feitos.
O BNG advertiu desta posibilidade, pero “tildáronnos de alarmistas e agora vemos o perigo”, lamenta Rodríguez. “Case un ano despois das terribles inundacións seguimos sen plan municipal de inundacións e as obras da Xunta sen sequera empezar. Pura incompetencia e incapacidade do goberno local do PSOE e do goberno galego do PP”.
O BNG visitou hoxe as zonas asolagadas para trasladar o seu apoio ás persoas afectadas e volve a se poñer á súa disposición á súa disposición e á do goberno local para colaborar nos traballos de axuda se for necesario.
Ao tempo, convoca unha concentración para este sábado 28 de outubro, ás 12h diante do Concello, para demandar medidas urxentes no camiño de evitar, con todos os mecanismos posíbeis, que se produzan máis danos materiais e que se poidan dar peores consecuencias.