O BNG de Gondomar insta a incluír o servizo da auga en Vilaza no debate na Xunta de Voceirxs convocada para este mércores
O Alcalde convoca xunta extraordinaria para falar do proxecto de humanización da Praza da Alameda, mais esquece incluír temas realmente urxentes para a veciñanza
Manuela Rodríguez: “Están claras as prioridades deste goberno: pleno urxente en abril para aprobar o proxecto, agora xunta extraordinaria para a adxudicación da obra e, polo medio, decreto para os salarios, pero da resolución de problemas como o da auga na parroquia de Vilaza ou outros, nada de nada.”
Gondomar, 2 de outubro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar insta ao goberno local a incluír un punto sobre a situación do servizo da auga en Vilaza na orde do día da Xunta de Voceiras/os extraordinaria convocada de urxencia para esté mércores.
Logo da estrañeza por de non se ter convocado o pleno de outubro para a data correspondente, o primeiro xoves de mes, ás sete da tarde do luns e previa chamada telefónica para informar, recibimos a convocatoria dunha xunta extraordinaria de portavoces dos grupos municipais da Corporación. Con dous únicos temas na orde do día: proposta de data para o pleno e “proposta do proxecto de humanización da Praza Manuel Alonso”, a coñecida como Alameda. Nada máis.
“Están claras as prioridades deste goberno: pleno urxente en abril para aprobar o proxecto, agora xunta extraordinaria para a adxudicación da obra e, polo medio, decreto para os salarios”, explica a voceira nacionalista, Manuela Rodríguez, “por diante sempre o que lles interesa a Ferreira e o seu equipo, pero da resolución de problemas como o da auga na parroquia de Vilaza ou outros realmente urxentes para a veciñanza, nada de nada”, lamenta.
Así, malia ser a auga un ben básico, o acceso a ela un dereito fundamental das persoas e o seu abastecemento un servizo de competencia municipal de obrigada prestación, nunca se convocou reunión extraordinaria e urxente para lle dar solución dunha vez á subministración de auga dos veciños de Vilaza, que levan 11 anos cun servizo en precario e con máis de 200 solicitudes de enganche sen atender.
Por esa razón, o BNG vén de rexistrar a solicitude de inclusión, na orde do día da xunta de voceiras/os convocada para o mércores, un terceiro punto a respecto das posibeis actuacións para “resolver xa un problema para o que o Bloque achegou proposta de solución no pleno de decembro de 2022 pasado e que ficou sen tratar por falla de interese por parte do goberno de Paco Ferreira”.