O BNG propón un plan municipal contra inundacións en Gondomar e reclama axudas da Xunta

FotoBNG_PtvozNal
FotoBNG_PtvozNal

A fronte nacionalista promove a convocatoria dun Pleno extraordinario, co apoio do resto da oposición, para acordar medidas que reduzan o risco de inundacións e paliar os danos


Manuela Rodríguez: “É urxente actuar e o alcalde mira cara outro lado, nin tan sequera contestou á nosa petición para escoitar á veciñanza afectada”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha visita este venres a zonas afectadas polas riadas, demanda ao Goberno galego do PP que pacte cos concellos un plan de recuperación

O BNG propón un plan municipal contra inundacións en Gondomar e reclama axudas da Xunta

GONDOMAR, 16 de xaneiro 2023.- O Bloque Nacionalista Galego reclama medidas urxentes fronte as inundacións tanto do Concello de Gondomar como da Xunta de Galiza. A nivel local, a organización nacionalista vén de promover  —da man da súa concelleira e candidata, Manuela Rodríguez, e co apoio do resto da oposición — a convocatoria dun Pleno extraordinario para acordar actuacións que reduzan o risco de asolagamentos no futuro e para paliar os danos das últimas riadas. No ámbito nacional, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou á Xunta que pacte cos concellos un plan de recuperación das infraestruturas danadas, durante unha visita a zonas afectadas.

O pasado 28 de decembro, despois das graves inundacións no concello, o BNG de Gondomar solicitou ao alcalde que convocara unha reunión de portavoces municipais xuntamente coa veciñanza e representantes dos negocios afectados. “É urxente actuar e Paco Ferreira mira cara outro lado, nin tan sequera contestou a esta petición”, reprochou Manuela Rodríguez. “O seu silencio, sumado a non convocatoria do pleno de xaneiro, motiva a iniciativa dun Pleno extraordinario co acordo dos grupos da oposición”, explicou. E instan ao Alcalde á súa convocatoria inmediata para axilizar a toma de acordos e a execución de accións antes de que se produzan novas riadas.

Nesta sesión monográfica sobre as inundacións en Gondomar, propoñen unha batería de medidas a curto e medio prazo que se traduzan finalmente nun plan de actuación municipal. Uns protocolos para reducir o impacto negativo de futuros asologamentos ou choivas torrenciais que xa deberan estar aprobados, subliñan desde o Bloque, como mandata o Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións de Galiza (Inungal), debido ao nivel de risco e perigosidade do noso concello.

Entre as medidas de urxencia, ademais de habilitar espazos gratuitos de almacenamento e reservar zonas de aparcamento para a veciñanza e os negocios das zonas inundábeis, a candidata do BNG destacou o establecemento de sistemas de alerta á veciñanza, a sinalización dos ámbitos afectados e a limpeza dos ríos. “Temos que dar solucións xa a este grave problema, a veciñanza afectada non pode esperar”, chamou Rodríguez.

Ana Pontón propón un fondo extraordinario fronte os danos
Na mesma liña, Ana Pontón, acompañada por cargos institucionais e orgánicos do BNG, visitou este venres zonas afectadas na provincia para coñecer in situ as consecuencias das inundacións. Durante a visita, na que participaron Manuela Rodríguez e David Rivas, de Gondomar, a portavoz nacional do BNG propuxo habilitar un fondo extraordinario de axudas da Xunta de Galiza para reparar os danos causados polas riadas, en contacto cos concellos e coa colaboración da FEGAMP para pactar un plan de recuperación das infraestruturas danadas.

“Neste momento hai que estar do lado dos veciños e das veciñas, falar coas persoas afectadas, falar cos representantes dos gobernos locais para poñerse a súa disposición ofrecendo axuda, ofrecendo medios, ofrecendo recursos”, demandou Pontón, que afeou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda nin sequera se desprazase ás zonas afectadas.
“Estamos ante un Goberno do Partido Popular que, moitos días despois dos danos causados polas intensas choivas, nin está, nin se lle espera, amosándose unha vez máis insensíbel ante os problemas da xente do común, instalado na rutina, sen pulso político e incapaz de dar solucións”, cuestionou a portavoz nacional do BNG.
 

O BNG propón un plan municipal contra inundacións en Gondomar e reclama axudas da Xunta