O BNG de Gondomar denuncia a inacción de Paco Ferreira para evitar novas inundacións

RiadaXaneiro2023
RiadaXaneiro2023

Critican que a día de hoxe o Alcalde aínda non se reunira nin cos afectados nin coas forzas políticas da corporación

Manuela Rodríguez, voceira do BNG de Gondomar:  “Na madrugada do venres xa houbo novos desbordamentos e a única alerta foi un aviso no Facebook do Alcalde” 

O BNG de Gondomar denuncia a inacción de Paco Ferreira para evitar novas inundacións

Gondomar, 21 de xaneiro de 2023.- O BNG denuncia a ausencia de medidas efectivas por parte do goberno local para reducir os danos de posíbeis novas enchentes. “Na madrugada do venres xa houbo novos desbordamentos e a única alerta foi un aviso no Facebook do Alcalde”, lamentan.

A organización nacionalista considera errado que o goberno centre as súas actuacións exclusivamente na declaración de zona catastrófica e esqueza aquelas orientadas a reducir os efectos de novos desbordamentos dos ríos Zamáns e Miñor. Así, ao pleno convocado para o xoves 26 só leva a proposta de declaración do concello como zona afectada por una emerxencia civil,  “pero nada dun plan que nos prepare para evitar ou minimizar o risco e as consecuencias de novas inundacións”, lamenta Rodríguez. 

Desde o BNG critican que a día de hoxe o Alcalde aínda non se reunira nin cos afectados nin coas forzas políticas da corporación. “Prefire pasear pola feira Fitur, en Madrid”, denuncia Rodríguez, “e é aquí onde debería estar. Porque este non é un tema menor, non pode agardar. Onte mesmo o río volveu  botar por fóra, e a veciñanza das zonas inundábeis pode que precise compensación polos danos, pero sobre todo precisa seguridade no futuro.”

Lamentan a inacción de Paco Ferreira, máxime cando o Alcalde ten riba da mesa as propostas achegadas polo BNG no documento de solicitude de pleno extraordinario e monográfico sobre as inundacións, “ese que o Alcalde non quere convocar. Mais unha vez, demostra non só incompetencia política para dar reposta a este grave problema, senón tamén a súa incapacidade para escoitar a ninguén”.

Ante a ausencia de comunicación oficial, a organización nacionalista vén de solicitar información das accións levadas a cabo en relación á batería de propostas presentada pola súa voceira. Así mesmo, solicita os informes, cuantificación e valoración de danos que deben acompañar a formulación da solicitude de zona en situación de emerxencia, que non figuran na documentación do pleno.

O BNG de Gondomar denuncia a inacción de Paco Ferreira para evitar novas inundacións