EDITAN UN FOLLETO INFORMATIVO SOBRE AS DEFICIENCIAS DO SERVIZO E AS PROPOSTAS DE ACTUACIÓN DO BNG, E CONTINÚAN A CAMPAÑA CON NOVAS CHARLAS PARROQUIAIS
O BNG reclama prioridade e investimentos reais para o saneamento integral de Gondomar
Manuela Rodríguez: “É hora de investir no importante. Propomos destinar ao saneamento o 50% dos fondos para investimentos da Deputación destinados a Gondomar, e 500.000€ do remanente de tesourería. Por necesidade ambiental e social e por responsabilidade, algo que lle falta ao goberno de Paco Ferreira.”
Gondomar, 25 de marzo de 2022.- O BNG reclama do goberno local prioridade e investimentos reais para o saneamento integral de Gondomar. Porque a evacuación e tratamento das augas residuais é un servizo básico que os concellos teñen que garantir, mais en Gondomar hai varias parroquias nas que a rede municipal de saneamento atende escasamente o 10% das vivendas, e en ningunha parroquia acada máis do 70%.
“É hora de investir no importante”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez. “Propomos destinar ao saneamento o 50% dos fondos para investimentos da Deputación destinados a Gondomar no Plan Concellos para os anos 2022-2023, e 500.000€ do remanente de tesourería. Por necesidade ambiental e social e ante irresponsabilidade do goberno de Paco Ferreira.”
O BNG continúa ademais coa campaña a prol do saneamento con novas charlas parroquiais, a próxima será o vindeiro martes, 29 de marzo, ás 19:30h co Centro Cultural de Vilaza.
Así mesmo, editan un folleto informativo sobre as deficiencias do servizo e as alternativas e propostas de actuación do BNG a curto e medio prazo, que se pode consultar nesta ligazón: https://i.gal/XFhdr
BNG Gondomar - 616964027