O BNG solicita que se investiguen as razóns que provocaron a caída dunha árbore sobre un coche en circulación
O BNG solicita que se investiguen as razóns que provocaron a caída dunha árbore sobre un coche en circulación no centro da Vila.
Manuela Rodríguez: “Celebramos que as persoas ocupantes saíran ilesas e instamos ao goberno local a facer inspección urxente do conxunto das árbores de propiedade municipal para evitar que unha situación así se repita”
Gondomar, 18 de febreiro de 2022.- O BNG solicita que se investiguen as razóns que provocaron a caída dunha árbore sobre un coche en circulación no centro da Vila.
“Celebramos que as persoas ocupantes do vehículo saíran ilesas”, indica a voceira do BNG, Manuela Rodríguez, “mais o suceso puido ser fatal, polo que instamos ao goberno local a facer inspección urxente do conxunto das árbores de propiedade municipal para evitar que unha situación así se repita”.
Desde o BNG solicitan que se esclarezan as circunstancias que produciron un colapso desta magnitude en ausencia de vento ou temporal. “Ese tronco de árbore foi obxecto de colocación de multitude de luces led como parte do alumeado de Nadal do Concello, inaugurado a primeiros do pasado mes de decembro e retirado recentemente, polo que entendemos que o goberno local debía ter perfecto coñecemento do seu estado”.