Aprobada a moción do BNG que insta a investir os remanentes municipais na atención das necesidades reais de Gondomar
Manuela Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG: "Con esta proposta o BNG pretende obrigar ao goberno municipal a utilizar en favor do interese público xeral parte deses fondos -procedentes da incapacidade e ineficacia da xestión do goberno local-, e a facelo con celeridade, antes de que o Estado levante a suspensión das regras fiscais que impedirían esa utilización"
Gondomar, abril de 2024.- A moción do BNG que insta ao goberno local a investir os remanentes municipais na atención das necesidades reais de Gondomar foi aprobada no pleno celebrado o pasado xoves.
O Concello de Gondomar concluíu o exercicio 2023 cun remanente de tesourería por riba dos 2,7 millóns de euros, unha importante cantidade de recursos que, lonxe de mostar aforro ou eficiencia, "poñen evidencia a ineficacia do goberno de Paco Ferreira para xestionar os recursos achegados pola veciñanza as contas municipais, e a súa incapacidade para aprobar un orzamento propio, que condena a Gondomar a manter as contas prorrogadas desde o ano 2012", resalta a Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
A iniciativa do BNG, "pretende obrigar ao goberno municipal a investir unha parte importante deses fondos en favor do interese público xeral", indica Rodríguez, "e a facelo con celeridade, antes de que o Estado levante a suspensión das regras fiscais que impedirían esa utilización".
Para efectivizar os acordos recollidos na moción do Bloque, o Goberno municipal debería proceder, coa maior axilidade, á incorporación nos orzamentos municipais de 1.160.000 €uros, o 42% dos remanentes, para os destinar aos seguintes usos e aplicacións:
-
815.000 €uros para dotar de saneamento e auga a vivendas que carecen destes servizos, sexa de forma directa ou a través de axudas ao baleirado de fosas sépticas e ás comunidades de auga parroquiais.
-
190.000 €uros para a habilitación do comedor do CRA Antía Cal na antiga casa da mestra en Peitieiros, para o apoio as aulas matinais nos colexios e para melloras nos centros educativos públicos do concello.
-
115.000 €uros para melloras en parques infantís e bio-saudábeis e para a realización de accións de apoio e impulso ao pequeno comercio e de proximidade.
-
40.000 €uros para dotar á biblioteca municipal de fondos bibliográficos e en galego, mercados nas librarías do concello, para a realización de actividades de fomento da lectura, e para incrementar as subvencións de cultura e a recuperación da programación cultural municipal nas parroquias, descentralizada da Vila.