Diante da proposta de compra do Café de Lis o BNG de Gondomar prioriza os servizos para a veciñanza e demanda a elaboración dos orzamentos para o vindeiro ano
No pleno celebrado o mércores 13 de febreiro, o BNG votou en contra da compra do “Café de Lis” co argumento de demandar o investimento deses fondos na creación de servizos públicos como o saneamento, o arranxo de camiños ou a mellora do alumeado.
GONDOMAR, 13 de decembro.- O BNG de Gondomar pide ao goberno local investir en servizos para a veciñanza e a elaboración dos presupostos para o vindeiro ano. Diante da proposta do goberno de mercar o Café de Lis por 270mil euros, o bloque nacionalista galego vota en contra por considerar que as parroquias de Gondomar teñen outras prioridades.
O BNG considera que eses fondos, 33.750,00€ anuais durante 8 anos, deben destinarse a servizos para a veciñanza tales como o saneamento, baleirado de fosas sépticas, aulas matinais ou o servizo de comedor escolar para o CRA.
De botar man desa liña de financiación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que serve tamén para acometer rehabilitacións, a fronte nacionalista considera que sería prioritario intervir na Casa Peralba, pola que xa se pagan 37.500,00€ anuais, antes que iniciar a compra dun novo inmoble que precisa tamén dunha rehabilitación forzosa para mantelo mentres non se rehabilita completamente.
No mesmo sentido que figura no propio informe de intervención, “sería convinte valorar anticipadamente non só o prezo da compra senón tamén a estimación do custe de rehabilitación e mantemento, así como ter claros os usos e finalidades aos que será adicada” argumenta a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O bloque nacionalista galego critica que unha vez máis chega o último pleno do ano e o goberno non presenta un novo orzamento, “por noveno ano consecutivo”. “O Sr. Alcalde non quere plasmar nunhas contas claras o que Gondomar ingresa e como se quere gastar. Isto implica que a veciñanza non poidamos saber se a compra do “Café de Lis” encaixa nesas contas ou se pola contra poría en risco outras actuación” indica Manuela Rodríguez.
Podedes ver a intervención no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=6pu49-rQqYI