O BNG considera “indecente” que Ferreira se asigne por decreto de Alcaldía o seu propio salario de 50 mil euros ao ano

FotoPlenoGondomar
FotoPlenoGondomar

Establece, tamén por decreto, catro exclusivas de 32 mil máis unha media, polo que o montante total da nómina do goberno ascenderá a 194 mil euros

Manuela Rodríguez: “Constátase así que o único que move ao grupo municipal do PSOE é asegurarse unha boa nómina para os vindeiros catro anos”

O BNG considera “indecente” que Ferreira se asigne por decreto de Alcaldía o seu propio salario de 50 mil euros ao ano

Gondomar, xullo de 2023.- A Portavoz municipal do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez, considera “indecente” que Paco Ferreira se asigne por decreto de Alcaldía o seu propio salario de 50 mil euros ao ano, así como catro dedicacións exclusivas completas de 32 mil e unha parcial do cincuenta por cento para os membros do seu Goberno.

“Constátase así que as negociacións eran só un paripé, como xa comprobamos nas dúas conversas mantidas co propio Ferreira e coas concelleiras Lamas e Lameiro”, reprochou Rodríguez. “O alcalde xa tiña claro o que ía facer dende o primeiro momento, asegurarse unha boa nómina para os vindeiros catro anos, porque iso é o único que move ao grupo municipal do PSOE”.

Así se recolle no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de hoxe onde o Alcalde se asegura por decreto o seu propio salario de 50 mil euros e tamén catro exclusivas de 32 mil euros para Nuria Lameiro, Brais Misa, Iria Lamas e Rocío Goberna, máis unha media de 16 mil para José Manuel Chamorro. Un montante total de 194 mil euros que supoñen a mesma contía que no mandato anterior, malia a perda de representación.

A Portavoz nacionalista advertiu de que o alcalde envía desta forma unha mensaxe clara á oposición de que “ou nos pregamos ao seu ditado ou imporá o seu criterio a golpe de decreto”. No mesmo sentido, lamentou que esta decisión volve demostrar o “nulo interese” do grupo socialista para avanzar en asuntos fundamentais para Gondomar, como os recollidos na proposta de acordo presentada polo BNG e rexeitada polo PSOE. “Así entende Ferreira a democracia, facer o que lle peta teña ou non teña maioría”, afeou.

Fronte a esta situación, Rodríguez asegurou que o BNG seguirá a disposición da veciñanza e reiterou o compromiso de facer valer o voto determinante das nacionalistas no Pleno para avanzar nas mudanzas que o concello precisa. “Farémolo fronte a este Goberno local que non aprendeu nada do que lle dixeron as urnas e fronte a un alcalde que é incapaz de chegar a acordos e que pretende seguir gobernando dende a soberbia e a prepotencia”, remachou.

O BNG considera “indecente” que Ferreira se asigne por decreto de Alcaldía o seu propio salario de 50 mil euros ao ano