O BNG lamenta o non de Paco Ferreira a acordar melloras para Gondomar por non baixar os salarios do Goberno

ManuelaPlenoConstitución
ManuelaPlenoConstitución

A fronte nacionalista acusa ao grupo socialista de romper as negociacións para o Pleno de Organización pola insistencia en manter as mesmas dedicacións exclusivas malia a perda da maioría absoluta

A portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, insta a Ferreira asumir a súa nova situación na composición da Corporación municipal para desbloquear o acordo

O BNG lamenta o non de Paco Ferreira a acordar melloras para Gondomar por non baixar os salarios do Goberno

GONDOMAR, 3 de xullo 2023.- O Bloque Nacionalista Galego lamenta o non de Paco Ferreira a acordar melloras para Gondomar pola súa negativa a baixar substancialmente o gasto en salarios do Goberno municipal. A fronte nacionalista acusa ao grupo socialista de romper as negociacións para o Pleno de Organización pola insistencia en manter o mesmo número de dedicacións exclusivas malia a perda da maioría absoluta.

“O BNG trasladamos unha proposta onde se recollían compromisos en asuntos fundamentais para a veciñanza, mais a única preocupación de Ferreira é garantir que o seu grupo continúe tendo 5 dedicacións exclusivas mais o salario do alcalde”, explicou a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, sobre as conversas entre ambas forzas para acordar o funcionamento do Concello para os vindeiros catro anos.

Así, o BNG propuxo a Ferreira unha redución do gasto en salarios de cando menos un terzo, pasando dos máis de 194 mil euros do pasado mandato a un máximo de 130 mil. Ademais, a fronte nacionalista demandaba que este acordo recollera compromisos para a mellora de cuestións veciñais e sociais como aprobar un Regulamento de Participación Veciñal, garantir o comedor escolar no CRA Antía Cal e a posta en marcha dun servizo municipal de aulas matinais, despregar un servizo de baleirado de fosas sépticas e deseñar un plan para o saneamento integral consensuado coas parroquias, así como o cumprimento da ordenanza de normalización lingüística e a creación dun posto de bibliotecaria/o municipal, entre outras medidas.

Outro dos puntos que o BNG propuxo para o acordo foi o relativo aos recursos e medios para o conxunto da corporación. Dende o Bloque propuxeron incrementar o número máximo de mocións por pleno e a asignación económica aos grupos políticos, a posta a disposición de medios técnicos e espazos físicos axeitados para que a oposición poida desenvolver o seu labor de fiscalización do Goberno e o traballo político a prol da veciñanza; así como a constitución do grupo municipal do BNG e representación deste no pleno da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor.

Desde BNG indican que con esta negociación só pretendían poñer en práctica o compromiso adquirido coa veciñanza após as eleccións municipais, “o de usar o noso voto determinante no Pleno para conseguir avanzar nas mudanzas que Gondomar precisa, e así o faremos durante todo mandato”.

Pero se Ferreira non está en disposición de rebaixar as retribucións para o PSOE, de cara a este Pleno de Organización “non vai contar co apoio do BNG que ademais considera prioritario nas negociacións o compromiso coas melloras para a veciñanza de Gondomar”, advertiu Rodríguez, que chamou ao grupo socialista a asumir a nova composición da Corporación municipal e a perda da maioría absoluta.

O BNG lamenta o non de Paco Ferreira a acordar melloras para Gondomar por non baixar os salarios do Goberno