O BNG de Gondomar acusa a Paco Ferreira de ‘secuestrar’ o Pleno municipal
A fronte nacionalista denuncia que o alcalde non convocou aínda a sesión ordinaria de marzo despois de non ter celebrado tampouco a correspondente a febreiro
Manuela Rodríguez: “É algo reiterado neste mandato, Paco Ferreira está máis ocupado en andar de evento en evento que cumprindo coas súas obrigas á fronte do Concello”
GONDOMAR, 24 de febreiro 2023.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de ‘secuestrar’ o Pleno municipal. A fronte nacionalista denuncia que o rexedor non convocou aínda a sesión ordinaria do mes de marzo despois de non ter celebrado tampouco a correspondente a febreiro.
“O alcalde está saltando as convocatorias, que deben ser cada primeiro xoves de cada mes, cando hai moitos temas pendentes por tratar”, asegurou a concelleira e candidata do BNG de Gondomar, Manuela Rodríguez. “Impide desa forma a presentación de iniciativas e o labor de fiscalización por parte dos grupos políticos da oposición”, reprochou.
A candidata do BNG de Gondomar advertiu nese sentido das “graves” consecuencias de non convocar as sesión plenarias, deixando fóra do debate público asuntos de especial importancia. Entre eles, destacou o problema das enchentes e as súas consecuencias no concello, que estaba comprometido para marzo após non se celebrar un Pleno extraordinario logo da negativa do Goberno municipal a facilitar acceso á documentación.
Do mesmo xeito, Rodríguez subliñou que está pendente de debate a moción do BNG para resolver a situación da auga en Vilaza, que quedou fóra da última sesión porque o goberno ‘non tivera tempo’ a estudar o tema.
A nacionalista tamén alerta de que non haberá ocasión de abordar asuntos como os relativos ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no mes que corresponde a esta data sinalada.
Rodríguez criticou esta práctica reiterada de Paco Ferreira, que xa motivou durante o mandato unha denuncia diante da Valedora do Pobo. “É evidente que está máis ocupado en andar de evento en evento que cumprindo coas súas obrigas á fronte do Concello”, lamentou a edil nacionalista. “Se o alcalde non ten asuntos para convocar o Pleno, desde o BNG si temos propostas e iniciativas para mellorar a vida no noso concello”, remachou.