O BNG de Gondomar acusa a Paco Ferreira de 'desprezar' o Pleno municipal
A fronte nacionalista denuncia que o alcalde non convocou aínda a sesión ordinaria de xuño e que no que vai de mandato só o de marzo foi celebrado no día correspondente
Manuela Rodríguez: “Volvemos as maneiras do mandato pasado. Desta volta Paco Ferreira está máis ocupado nas súas ‘xiras moteiras’ que en cumprir coas súas obrigas á fronte do Concello”
GONDOMAR, xuño 2024.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar acusa ao alcalde, Paco Ferreira, de ‘desprezar’ o Pleno municipal. A fronte nacionalista denuncia que o rexedor non convocou aínda a sesión ordinaria do mes de xuño e que no que vai de mandato só o de marzo foi celebrado no día correspondente.
“O alcalde non respecta as convocatorias, que deben ser o primeiro xoves de cada mes, cando hai temas moi importantes pendentes de tratar”, asegurou a portavoz municipal, Manuela Rodríguez. “Non só impide a planificación da vida de toda a corporación, desa forma tamén obstaculiza a presentación de iniciativas e o labor de fiscalización por parte dos grupos políticos da oposición”, reprochou.
Desde o BNG instan ao Alcalde a exercer a democracia e a transparencia á que se comprometeu no inicio de mandato. “Que convoque pleno cada mes como corresponde e no caso en que, por razóns xustificadas, non se poida celebrar nesa data, que convoque a xunta de portavoces para expoñer as razóns do adiamento e, de ser o caso, poñer en común colectivamente a data máis acaída para celebralo”.
Rodríguez criticou esta práctica reiterada de Paco Ferreira, que xa motivou durante o mandato pasado unha denuncia diante da Valedora do Pobo. “É evidente que está máis ocupado nas súas ‘xiras moteiras’ que en cumprir coas súas obrigas á fronte do Concello”, lamentou a edil nacionalista. “Se o alcalde non ten asuntos para convocar o Pleno, no BNG si temos propostas e iniciativas para mellorar a vida no noso concello”, remachou.
Do mesmo xeito, Rodríguez subliñou que “non podemos consentir a arbitrariedade ou falla de previsión do Alcalde, nin estarmos paralizados pola ausencia de propostas do goberno”. Para as nacionalistas hai temas pendentes de moita importancia para a vida da Veciñanza de Gondomar como saber “que vai pasar co comedor do CRA, o debate e aprobación do regulamento do Consello escolar municipal ou camiñar cara un plan de saneamento integral para o concello”.