DIANTE DO ANUNCIO DO REXEITAMENTO DE TODAS AS EMENDAS LOCAIS PRESENTADAS

O BNG acusa á Xunta do PP de actuar contra os intereses de Gondomar nos Orzamentos de 2023

BNGGondomarDeputada
BNGGondomarDeputada

Manuela Rodríguez: “O rodete da maioría absoluta do PP galego, ao rexeitar a totalidade das doce emendas parciais formuladas polo BNG de Gondomar á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2023, impedirá, co silencio cómplice do PP local de Paula Bouzós, o investimento de preto de tres millóns de euros no concello”

O BNG acusa á Xunta do PP de actuar contra os intereses de Gondomar nos Orzamentos de 2023

Gondomar, 19 de decembro de 2022.- O BNG denuncia que o Partido Popular actúa contra os intereses do concello de Gondomar ao rexeitar todas e cada unha das emendas doce emendas presentadas desde a localidade ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro 2023. “O rodete da maioría absoluta do PP no parlamento galego, co silencio cómplice do PP local de Paula Bouzós, impedirá un investimento de perto de tres millóns de euros no noso concello”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

 

Así, en materia de educación o BNG propuña destinar 700.000€ para: prestación do servizo de comedor ás cinco aulas do CRA Antía Cal, imprescindible para posibilitar a conciliación das familias deste alumnado de infantil; realización de melloras infraestruturais e de equipamento reclamadas pola comunidade educativa para os centros públicos de Gondomar. Investimentos que abranguerían dende o cambio da cuberta do IES Auga da Laxe ou a mellora dos accesos no Terra de Turonio, nos centros de secundaria, ao pechado de pistas, cubrición e arranxo de espazos de acceso ou dotación de mobiliario para os comedores, no que respecta aos colexios do concello, así como a implantación de cursos superiores no conservatorio municipal.

 

No tocante á política social as propostas do BNG de Gondomar propuñan un investimento de 800.000€ para o inicio no 2023 da construción dun centro de día para maiores e dunha nova escola infantil, ante a necesidade de dotar de prazas públicas uns servizos esenciais imprescindíbeis para a conciliación da vida familiar e laboral. En sanidade, 150.000€ para ampliación de medios e cadro de persoal no Centro de Saúde de Gondomar.

 

Un importe de 500.000€ destinado iniciar un plan de habilitación de vivenda de promoción pública combinada con alugueiros de baixo custe, no camiño de garantir o dereito á vivenda ás rendas máis baixas e a fixar a poboación xuvenil emancipada no concello.

 

En canto a mobilidade, o BNG incluía unha proposta de investir 150.00€ destinada a incluír Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano para a veciñanza se beneficiar dos descontos da tarxeta metropolitana.

 

Por último, incluía, en partidas conxuntas con outras infraestruturas, a construción de sendas peonís nas estrada PO-341 Vincios-Couso e PO-332 Vincios-Nigrán; a continuación das redes parroquiais de saneamento, dentro da área de medio ambiente; ou a mellora na implantación do servizo de Internet nas zonas máis rurais do concello.

 

Máis unha vez, as propostas do BNG serán rexeitadas por un PP que deixa Gondomar sen uns investimentos que suporían o reforzamento e alongamento dos servizos públicos, a dotación de vivenda social e a mellora do medio ambiente, a mobilidade e as infraestruturas viarias, e que incidirían de xeito significativo na calidade de vida e na creación de emprego no noso concello, lamenta a concelleira nacionalista.

O BNG acusa á Xunta do PP de actuar contra os intereses de Gondomar nos Orzamentos de 2023