O BNG leva ao Parlamento galego as deficiencias na atención primaria no Centro de Saúde de Gondomar
A falta de sustitución do persoal facultativo, que xa provocara o peche do centro de saúde en horario de tarde no verán, está a poñer en risco a saúde da poboación e do propio persoal sanitario
Desde o BNG chaman á veciñanza de Gondomar a denunciar esta situación, tamén de xeito directo, a través da presentación de reclamacións no propio Centro de Saúde
O BNG leva ao Parlamento Galego as deficiencias na atención primaria no Centro de Saúde de Gondomar. A falta de persoal facultativo e sanitario -de medicina de familia, matrona, pediatría ou enfermaría-, por baixas ou vacacións que xa provocara o peche do centro de saúde en horario de tarde no mes de agosto, está a provocar un grave deterioro na atención sanitaria na localidade.
O persoal do centro de saúde de Gondomar trasladou recentemente un comunicado en que manifestaba o seu profundo malestar pola situación que se están a vivir. Así, relatan que desde o mes de xaneiro está sen cubrir unha praza, inicialmente por baixa laboral e agora xa por xubilación, que ía ser cuberta no mes de outubro, pero que finalmente non cubrirá até febreiro, é dicir, logo de levar 13 meses baleira. A esa praza súmaselle outra máis sen cubrir desde xuño e con previsión de se prolongar tamén ata febreiro ou marzo. E a esta situación hai que lle engadir as vacacións, asistencia a cursos ou pequenas baixas, de xeito que a esas dúas prazas sen cubrir súmanse as ausencias puntuais doutras.
A non cobertura desas ausencias por parte do SERGAS provoca que haxa parte da poboación que non está debidamente atendida, porque ao non haber substituto/a son atendidos cada día por un profesional distinto, cos prexuízos que isto ocasiona. Por outra banda, o ter que asumir os pacientes dos médicos ausentes provoca unha sobrecarga nos que continúan traballando, coa consecuente deterioración da calidade asistencial, o cansazo acumulado ao longo de tantos meses e o risco para a saúde dos propios profesionais.
Diante desta denuncia, a voceira municipal do BNG, Manuela Rodríguez, e a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, mantiveron un encontro cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde. No transcurso da reunión o persoal realizou unha detallada descrición da situación que puxo claramente de manifesto a súa gravidade. Pola súa banda, o BNG trasladoulles unha relación das distintas alternativas, viábeis e consensuadas cos sectores profesionais, que teñen plantexado no Parlamento mais que "son sistematicamente desbotadas pola Consellería de sanidade”.
Nese sentido, Carmela González denuncia que “os problemas na atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar, ao igual que no resto da Galiza, son consecuencia directa da política de recortes e privatización que, desde o goberno da Xunta, leva aplicando o PP durante os últimos 13 anos, primeiro co goberno de Feijoo e agora co goberno de Rueda”.
“A conclusión da reunión é clara”, explica Rodríguez, “existe risco para a saúde da poboación de Gondomar e urxe poñer solucións para evitalo”. O BNG, a través da deputada Carmela González, ven de presentar unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno da Xunta á resolver esta situación. Así mesmo, chaman á veciñanza de Gondomar a denunciar esta situación, tamén de xeito directo, a través da presentación de reclamacións no propio Centro de Saúde.