NA VÉSPERA DO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

O BNG de Gondomar denuncia a insuficiencia de persoal e medios para atención á saúde mental no Val Miñor

Montse Prado - Portavoz Sanidade BNG
Montse Prado - Portavoz Sanidade BNG

O déficit de profesionais provoca agardas de máis de seis meses para unha primeira consulta o que impide un diagnóstico rápido e temperán

O goberno do PP na Xunta impide que se invista máis no servizo de saúde mental e vén de se opoñer ás medidas propostas polo BNG para atallar o elevado número de suicidios na Galiza

O BNG de Gondomar denuncia a insuficiencia de persoal e medios para atención á saúde mental no Val Miñor

Gondomar, 9 de outubro de 2023.- Na véspera do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro, o BNG de Gondomar denuncia, máis unha vez, a insuficiencia de persoal e medios para atención á saúde mental no Val Miñor. O déficit de profesionais neste servizo provoca agardas de máis de seis meses para unha primeira consulta e un elevado espazamento entre as sucesivas. Esta situación impide unha atención e diagnóstico rápidos e temperáns, importantísimos para evitar a cronificación nas doenzas.

A precariedade de medios e os tempos de espera “inaceptábeis para consultas de saúde mental na sanidade pública”, xunto aos elevados prezos da atención privada “que non está ao alcance de todos os petos”, provoca o aumento da prescrición e consumo de psicofármacos, “moitas veces o único recurso que lle queda á Atención Primaria”.

Desde o BNG xa viñan reclamando nos últimos anos “a ampliación do número de profesionais do servizo de saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor”, diante das elevadas listas de agarda que presenta. Concretamente, para o orzamento deste ano 2023, propuñan destinar unha partida de 200 mil euros para ese reforzo, mais “as propostas nunca van adiante pola oposición da maioría absoluta do PP galego”.

A maiores do reforzo dese servizo, para o Bloque é fundamental dotar á Atención Primaria de prazas de persoal especializado (psicoloxía clínica, terapia ocupacional, traballo social,...) para a creación de equipas multidisciplinares, “porque se sabe que un 30% das consultas nos centros de saúde están relacionadas coa saúde mental”.

O PP tumba a proposta parlamentar do BNG para loitar contra o suicidio

A deputada portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado, defendeu a semana pasada no Parlamento galego unha proposición non de lei de medidas de reforzo para atallar en Galicia a “elevadísima” prevalencia dos suicidios, un problema “con consecuencias sanitarias e sociais de primeira orde” que afecta especialmente a Galiza, onde no ano 2022 quitáronse a vida 340 persoas, practicamente unha ao día segundo os datos do Imelga.

Datos aínda máis alarmantes se se ten en conta que, como estima a Organización Mundial da Saúde, “por cada morte por suicidio consumada prodúcense entre vinte e trinta tentativas”, alertou a deputada do BNG, aludindo tamén á especial incidencia rexistrada entre poboación moza, onde é a principal causa de morte. “Os centros de ensino están dando a alarma. É moi preocupante o aumento de trastornos de conduta alimentaria, afectiva, déficit de atención, hiperactividade e o, sobre todo, condutas autolesivas e intentos de suicidio”, subliñou.

Prado denunciou os déficits de persoal especialista na rede do Sergas, referíndose neste sentido a estudos que indican que Galicia “está á cola do Estado” cun cadro de persoal que só cubre o 68 % das prazas precisas en psiquiatría, o 49 % das de enfermería, o 50 % dos psicólogos que serían necesarios, o 27 % en traballo social ou o 32 % en terapia ocupacional.

Lamentou, deste xeito, a negativa do PP a apoiar as propostas incluídas na proposición non de lei do BNG, que considera imprescindible, en primeiro lugar, coñecer máis a fondo os datos en relación cos suicidios e as autolesións, así como un estudo que determine as características das persoas suicidas en Galiza, de cara a establecer o alcance das medidas a tomar e ser máis eficaces. A deputada nacionalista avogou tamén pola posta en marcha de programas de intervención intensiva da conduta suicida para a atención e prevención, con equipos en cada área sanitaria e recursos humanos e económicos suficientes.

O BNG de Gondomar denuncia a insuficiencia de persoal e medios para atención á saúde mental no Val Miñor