O BNG de Gondomar denuncia as deficiencias na atención primaria na localidade durante o verán
A falta de persoal facultativo xa provocou o peche do centro de saúde en horario de tarde durante a primeira quincena deste mes de agosto
Manuela Rodríguez: “A causa volve estar no premeditado deterioro da atención primaria por parte do PP, primeiro co goberno de Feijoo e agora co de Rueda"
Gondomar, 21 de agosto de 2023.- O BNG de Gondomar denuncia as dificultades que durante este verán se están a producir na atención primaria na localidade. A falta de persoal facultativo e sanitario -de medicina de familia, matrona, pediatría ou enfermaría-, por baixas ou vacacións xa provocou o peche do centro de saúde en horario de tarde durante a primeira quincena deste mes de agosto, e está a provocar que o peche de axendas de varias consultas impida obter citas antes de setembro, como mínimo.
Así prodúcense deficiencias e atrasos na atención, xa que ou o resto dos profesionais vense na obriga de asumir as consultas dos que faltan, incrementando o seu volume de traballo, ou simplemente non hai atención sanitaria durante ese período. Isto provoca a necesidade de realizar axustes nas axendas, cos conseguintes trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día. Iso ocorre, por exemplo, con persoas en tratamento con Sintrom ou coas familias que se ven obrigadas a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas.
A reiteradamente denunciada política de recortes sanitarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) súmase á decisión de non cubrir ás baixas prolongadas nin as xubilacións. Esta situación agrávase pola non substitución das vacacións nos meses de verán cando a poboación do concello de Gondomar se ve incrementada, o que impide prestar un servizo de atención primaria que ofreza uns servizos en condicións óptimas.
Unha situación que prexudica gravemente a atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar, provoca enormes dificultades na atención primaria da poboación e acaba traducíndose nunha maior saturación dos servizos de Urxencias, nun aumento da derivación de doentes á sanidade privada e un aumento exponencial das listas de espera.
A portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, denuncia que “os problemas na atención sanitaria no Centro de Saúde de Gondomar, ao igual que no resto da Galiza, son consecuencia directa da política de recortes e privatización que, desde o goberno da Xunta, leva aplicando o PP durante os últimos 13 anos”, indican. A causa, insisten desde o BNG, “volve estar no premeditado deterioro da atención primaria por parte do PP que está a desmantelar a sanidade pública para beneficiar á privada, primeiro co goberno de Feijoo e agora co goberno de Rueda”, denuncia a voceira nacionalista.
O BNG ten presentado iniciativas parlamentares con alternativas viábeis e consensuadas cos sectores profesionais, mais son desbotadas pola Consellería porque a súa aposta é a privatización e o deterioro da sanidade pública é o paso previo.