O BNG de Gondomar lamenta que o goberno de Ferreira volva deixar as parroquias sen iluminación de Nadal
Manuela Rodríguez, voceira do BNG: “No canto de podar salvaxemente un liquidámbar para o converter nun mero soporte decorativo no que chantar millentas luciñas vermellas, ben puido distribuír os 2.100 metros de leds entre as 10 parroquias do concello”
Gondomar, 7 de decembro de 2025.- O BNG de Gondomar lamenta que o goberno de Ferreira volva deixar as parroquias sen iluminación de Nadal. Malia as declaracións do alcalde de que ‘este ano a decoración chega a todas as parroquias e barrios do concello’, e que xa hai unha semana que se inaugurou na vila, nas restantes nove parroquias as luces “brillan” pola súa ausencia.
En opinión do BNG, este é un novo capítulo do plaxio do modelo vigués de Caballero por parte de Ferreira: iluminar e decorar só os espazos e edificios públicos ‘mais significativos’ e as ‘principais rúas’ do centro da vila, deixando as parroquias “ás escuras”.
A outra ‘sombra’ da iluminación do nadal é a “agresión ambiental ao liquidámbar que, cada ano e por capricho do alcalde, transforman en ‘arbol rojo’”, traslada a voceira do BNG Manuela Rodríguez. “No canto de podar salvaxemente esa árbore para a converter nun mero soporte decorativo no que chantar millentas luciñas vermellas, ben puido distribuír os 2.100 metros de leds entre as 10 parroquias do concello”, apunta.
Para o BNG é unha mágoa que, ao igual que cos servizos municipais, o goberno de Ferreira non teña en conta as parroquias nin sequera nestas datas. “É lamentable”, traslada Rodríguez, “que tamén para as festas o goberno local deixe ‘apagadas’ as parroquias”.