O BNG traslada a Xunta e Concello as queixas polas retencións por mor das obras nas estradas PO-331 e PO-340 ao seu paso por Gondomar

CartelObrasXunta
CartelObrasXunta
O BNG traslada a Xunta e Concello as queixas polas retencións por mor das obras nas estradas PO-331 e PO-340 ao seu paso por Gondomar

GONDOMAR, 3 de xullo de 2024.- O BNG traslada a Xunta e Concello as queixas polas retencións provocadas polas obras nas estradas PO-331 e PO-340 ao seu paso por Gondomar.

As tarefas de renovación do firme das dúas estradas da Xunta, que conflúen nunha das rotondas de entrada a vila, deron lugar a retencións de tráfico que chegaron a superar a media hora. Diante da situación xerada nestes días, o BNG pon en cuestión a oportunidade desta actuación e solicita do goberno municipal unha aclaración a respecto da súa programación. Trátase dunha obra que interrompe toda a circulación cara calquera destino, entrado o verán, nas horas centrais do día e sen ter advertido á veciñanza e usuarios destas vías do comezo dos traballos, sen ter facilitado alternativas para evitar as retencións, e obrigando a permanecer atascados centos de vehículos por unha mala ou inexistente programación dos traballos.

En opinión do Bloque, a priori e sen máis datos, non parece a época máis atinada para realizar estas obras, pois, indican, todo o mundo sabe que nos meses de xullo e agosto o tránsito aumenta en Gondomar, nomeadamente entre as avenidas Sarmiento de Acuña, Curros Enríquez e do Tranvía, por mor do acceso ás praias e a Portugal.

Mais para o BNG é aínda menos indicado cando se trata dunha obra coincidente no tempo con outra, a da humanización da Alameda, que impide a circulación polo centro da vila e obriga a utilizar esas avenidas como circunvalación á mesma, o que dá como resultado a concentración de máis tráfico na zona. De aí a recomendación proposta polo BNG no seu día e aceptada polo Concello: que as obras de humanización non coincidisen coas da ponte sobre o río. Certo é que non se trata desa obra, mais, para alén diso, si que estamos ante un feito similar que favorece o colapso da vila, polo que a previsión do desastre debería ter desaconsellado esa actuación.

Ademais de trasladar a queixa e a petición de explicacións á Xunta de Galiza, como promotora das obras, o BNG de Gondomar “solicitamos do alcalde, como autoridade máxima con competencias no territorio local, a aclaración de se existe algunha razón de urxencia para ter acometido estas actuacións nestas circunstancias. E de existir, por que non estaban previstas as consecuencias que ía provocar e por que non se implementaron medidas que as poideran paliar”.

O BNG traslada a Xunta e Concello as queixas polas retencións por mor das obras nas estradas PO-331 e PO-340 ao seu paso por Gondomar