O BNG reclama melloras no servizo de correos nos concellos do Val Miñor e Oia

Correos2
Representantes BNG ValMiñor-Oia

A fronte nacionalista demanda un aumento do persoal e dos recursos a Correos, así como posibilitar

o reparto os cinco días da semana e a atención en horario de tarde

O BNG reclama melloras no servizo de correos nos concellos do Val Miñor e Oia

Val Miñor – Oia, 25 de xaneiro de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia reclaman melloras no servizo de correos que conforman a unidade postal do Val Miñor,  mediante unha moción conxunta aos Plenos dos catro concellos. A fronte nacionalista demanda un aumento do persoal e dos recursos á empresa pública Correos,  así como reestruturar o servizo para posibilitar o reparto os cinco días da semana e a atención en horario de tarde.


A moción foi rexistrada polos portavoces municipais do BNG de Baiona, Iago Pereira, de Gondomar, Manuela R. Pumar,  de Nigrán, Xavier Rodríguez,  e de Oia, Xosé Antón Rodríguez (Xuster), nos seus respectivos concellos, logo da denuncia por parte da CIG-Correos e da reunión mantida con representantes sindicais.


As nacionalistas alertan na iniciativa do progresivo empeoramento tanto do servizo público postal como das condicións laborais. “Esta deterioración xa ocorreu antes noutras empresas, organismos e servizos públicos que logo foron privatizados”, advirten. “Ao final, como sempre, a veciñanza e o persoal son os grandes prexudicados”.


A moción do BNG apunta precisamente á falla de persoal como unha das causas principais destas eivas no servizo, xa que Correos non está a cubrir os postos vacantes por xubilacións, baixas, vacacións ou outras ausencias xustificadas, tal como denunciou a sección sindical da CIG-Correos.
Na actualidade, a Unidade do Val Miñor de Correos conta cunha rede de oficinas locais abertas de luns a venres, unicamente en horario de mañá, con 29 seccións das cales 15 son urbanas. Porén, o Bloque asegura que Correos non está a adaptar os recursos do servizo ao constante crecemento da zona, con máis de 50 mil habitantes e unha extensión de 227 quilómetros cadrados, ademais da presenza de dos polígonos industriais de Porto do Molle e A Pasaxe, que contribúen a incrementar o volume de traballo. Un crecemento poboacional e industrial sostido ao que se lle engade o feito de que na temporada estival a poboación desta comarca se vexa triplicada.


“Estes factores son determinantes á hora de cuantificar a carga de traballo, que non está determinada exclusivamente polo número de envíos como pretende a empresa”, critican desde a fronte nacionalista, que reclama axustar o servizo en función da extensión dos percorridos motorizados, ante a imposibilidade de moitos deles para rematar os repartos diarios e pola introdución de novos servizos no rural con criterios exclusivamente comerciais.


Desde o BNG cuestionan ademais o camiño cara á 'liberalización' de Correos, unha das poucas empresas públicas que sobreviviron a vaga de privatizacións iniciada polo PSOE de Felipe González e continuada polo PP de José María Aznar. Nese sentido, as nacionalistas reiteraron a súa “firme aposta porque Correos siga a operar como servizo postal universal de carácter público, frente a calquera tentativa privatizadora, presente ou futura”.

O BNG reclama melloras no servizo de correos nos concellos do Val Miñor e Oia