INSTA AO GOBERNO PSOE-PODEMOS A REDUCIR OS IMPOSTOS A ELECTRICIDADE E BAIXAR DO IVE DO 21% AO 4%
O BNG de Gondomar rexeita o incremento da factura da luz e demanda unha tarifa eléctrica galega
Manuela Rodríguez: “É un gran agravio que sendo Galiza excedentaria na produción eléctrica paguemos máis aquí que en Madrid. Precisamos unha tarifa propia que beneficie a galegas e galegos abaratando os prezos”
O BNG desenvolverá en todo o país unha campaña social de recollida de sinaturas contra a suba da luz, que en Gondomar comezará nesta fin de semana.
Gondomar, 9 de xuño de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego manifesta o seu rexeitamento a reforma da factura da luz por parte do goberno do estado, PSOE-Podemos, polo escandaloso encarecemento deste servizo básico. Esta reforma, que entrou en vigor o pasado 1 de xuño, provoca un impacto tremendamente negativo nos consumidores e consumidoras, e afecta duramente a importantes sectores da poboación que xa están a sufrir as graves consecuencias económicas derivadas da pandemia.
Este é o caso do consumo doméstico e, nomeadamente, daquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. Na Galiza hai máis de medio millón de fogares con esa modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.
Así mesmo, debe destacarse o impacto que ten en determinadas actividades económicas cunha forte implantación na Galiza como son as pequenas explotacións gandeiras (no país son máis de dez mil), xa que os horarios do período punta da tarifa coinciden con tarefas de alto consumo enerxético o que provocará un incremento medio na factura de máis do 40%, sen alternativa posíbel.
De igual forma, outros consumidores cun perfil de consumo semellante, como os salóns de peiteado ou a hostalaría, xa duramente golpeada pola pandemia, e o resto de pequenas e medianas empresas, sufrirán igualmente as consecuencias, pois as súas actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía.
Campaña BNG contra a suba da luz
Ante esta situación, o BNG vai desenvolver unha campaña para facer público o seu rexeitamento e dar a coñecer a alternativa que defende. Nesa liña, está a presentar iniciativas no congreso, no parlamento galego e tamén nos concellos.
No caso de Gondomar, a portavoz municipal do Bloque, Manuela Rodríguez, ven de presentar unha moción que propón instar ao Goberno do Estado a abrir un novo proceso para unha regulación da tarifa eléctrica que reduza os impostos á enerxía eléctrica, que elimine o imposto especial da electricidade e que baixe o IVE do 21% até o 4%, por ser a electricidade un ben de primeira necesidade e non un luxo.
A moción tamén inclúe a demanda o establecemento dunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para galegas e galegos, en beneficio de consumidor@s particulares e das nosas empresas, de maneira que se compense o papel de Galiza como excedentaria na produción eléctrica e o forte impacto ambiental e social derivado do seu papel produtor. “É un gran agravio que sendo Galiza excedentaria na produción eléctrica paguemos máis aquí que en Madrid. Precisamos unha tarifa propia que beneficie á Galiza abaratando os prezos”, indica Rodríguez.
O BNG desenvolverá en todo o país unha campaña social de recollida de sinaturas contra a suba da luz, que en Gondomar comezará a partir desta fin de semana.