A ORGANIZACIÓN NACIONALISTA SEGUIRÁ A DEMANDAR O ALARGAMENTO DA PROTECCIÓN AMBIENTAL DA SERRA DO GALIÑEIRO
O BNG parabeniza á Comunidade de Montes de Víncios, aos colectivos sociais e á veciñanza en xeral por conseguiren coa súa loita a paralización do proxecto eólico no Galiñeiro
A Portavoz Municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, celebra o anuncio de que o parque eólico no Galiñeiro non será tramitado.
“É unha gran vitoria colectiva, da Comunidade de Montes de Víncios, das veciñas e veciños, da Plataforma Pola protección da Serra do Galiñeiro e dos colectivos e organizacións que plantaron cara a un proxecto agresivo e aberrante contra un enclave natural de enorme valor. Unha vitoria que vén demostrar, máis unha vez, que a mobilización social é quen de frear o despropósito e de conquistar un futuro mellor”.
Gondomar, 6 de maio de 2021.- O BNG parabeniza á Comunidade de Montes de Víncios, aos colectivos sociais e á veciñanza en xeral por conseguiren coa súa loita a paralización do proxecto eólico no Galiñeiro.
Tan só cinco días despois da última acción social contra a instalación dos aeroxeneradores na Serra do Galiñeiro, onte amenceu coa boa nova de que finalmente ese parque eólico non irá adiante, que non será tramitado. “Unha gran vitoria colectiva. Da Comunidade de Montes de Víncios, das veciñas e veciños, da Plataforma Pola protección da Serra do Galiñeiro e dos colectivos e organizacións que plantaron cara a un proxecto agresivo e aberrante contra un enclave natural de enorme valor. Unha vitoria que vén demostrar, máis unha vez, que a mobilización social é quen de frear o despropósito e de conquistar un futuro mellor”, celebra a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O obxectivo agora é continuar a demandar unha maior protección para a Serra do Galiñeiro no seu conxunto. Nesa liña o BNG “levaremos iniciativas ao parlamento e ao concello para urxir o alargamento do grao de protección ambiental do Galiñeiro, propoñendo a súa inclusión no Parque Natural do Aloia”.
Continuar na loita contra o modelo depredador do PP
O BNG denuncia o modelo eólico depredador do PP que coloca Galiza como mera produtora de enerxía ao servizo do espolio das grandes eléctricas. Fronte a el, a organización nacionalista “continuará a defender unha enerxía eólica sustentable, xusta e galega, que permita que galegas e galegos nos beneficiemos da condición de potencia produtora de enerxía eléctrica”.
Nese sentido, a voceira do Bloque en Gondomar indica que “se ben hoxe celebramos a paralización do parque eólico no Galiñeiro, dentro do modelo do PP hai moitos outros proxectos espallados por todo o noso territorio, algúns ben próximos como os parques que ameazan á Serra da Groba”. Desde o BNG “apoiamos a marcha contra ese proxecto eólico convocada polo IEM para o vindeiro 16 de maio e chamamos á participación da veciñanza para sumarmos forzas e paralo tamén”.