O BNG pide a paralización do proxecto eólico no Galiñeiro e demanda aumentar a protección ambiental da serra
A fronte nacionalista intensifica a súa ofensiva de oposición a un proxecto “agresivo e aberrante” contra un enclave natural de enorme valor.
O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar novas accións no marco da súa ofensiva política e social en contra da instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro. O deputado, Luís Bará, promoverá varias iniciativas no Parlamento galego para urxir a paralización cautelar do proxecto así como para alargar o grao de protección ambiental do Galiñeiro, propoñendo a súa inclusión no Parque Natural do Aloia.
A fronte nacionalista realizou unha rolda de prensa, coa participación das/os voceiras/os municipais do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, Gondomar, Manuela R. Pumar, e O Porriño, Pedro Pereira, xunto á deputada e o deputado, Carmela González e Luís Bará, para explicar que pasos seguirán para enfrontar a ameaza do parque eólico no Galiñeiro.
O deputado, Luís Bará, explicou que ese proxecto inscríbese dentro dun "modelo produtivista e de espolio" contra o monte e que se está a promover "sen participación nin transparencia". Aliás, denunciou que o mesmo vulnera a normativa ambiental, como son as directivas comunitarias do Hábitat e a Auga, e pretende instalarse nun espazo cualificado como de "especial valor paisaxístico".
Bará salientou o "enorme valor ambiental da Serra do Galiñeiro" tanto pola súa flora e fauna, a súa paisaxe privilexiada ou elementos patrimoniais e arqueolóxicos. Neste sentido, o deputado nacionalista rexeitou de maneira frontal a instalación dun parque eólico neste enclave. Un pretenso que cualificou de "agresión ambiental aberrante".
O Bloque promoverá no Parlamento galego unha nova batería de iniciativas para frear o proxecto entre as que incluirán a solicitude da súa paralización cautelar pola Xunta de Galiza. Tamén volverán demandar a inclusión do Galiñeiro dentro do parque natural do Aloia.
Oposición veciñal e comunal
Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela R. Pumar, subliñou a masiva oposición veciñal fronte a este proxecto, que terá un especial impacto no treito de serra que discorre polo municipio. A este respecto, Rodríguez Pumar expresou que a fronte nacionalista continuará a traballar canda os colectivos veciñais, ambientais e comunidades de montes para sumar forzas para frear de maneira definitiva o proxecto eólico.
Nesa liña e no ámbito local demandan a eliminación do borrador do PXOM de Gondomar de todas as referencias ao potencial eólico da Serra do Galiñeiro. "Un parque eólico no Galiñeiro é incompatíbel cun modelo de monte sustentábel e protexido como o que defende o BNG", resumiu.
Nun sentido parello, o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a formación nacionalista leva "máis dunha década a plantarlle cara á ameaza eólica no Galiñeiro por ser unha agresión inxustificábel a unha peza emblemática do noso medio natural". O edil cargou contra o modelo "depredador" que propugna o Partido Popular e explicou que para as nacionalistas "alargar a protección ambiental do noso monte é un paso estratéxico un Vigo verde e con futuro".
"O que necesita a área de Vigo non é un parque eólico que destroce o monte para producir máis enerxía eléctrica que exportar a prezo barato a Madrid. A nivel enerxético o que precisaría a nosa industria e as familias é unha tarifa eléctrica galega que rebaixase o custo onde xa se produce de máis", acrecentou Igrexas.
BNG Gondomar