DIANTE DA PREGUNTA DO BNG NA COMISIÓN 2ª DO PARLAMENTO

A Xunta dá marcha atrás nas condicións de renovación das concesións das comunidades de auga veciñais

foto Luís Bará
foto Luís Bará

Augas de Galiza confirma ao BNG que manterá as concesións a 20 anos, e non a 10 como limitara, e sen obriga de conexión a redes municipais.

 

Manuela Rodríguez: "O BNG de Gondomar convocará novamente a todas as comunidades de augas do concello para abordar estas cuestións coas xuntas directivas. Tamén para analizar o Plan Seca realizado polo goberno local sen ter en conta ás traídas comunitarias, cando son as que subministran auga á maior parte da poboación do concello".

 

A Xunta dá marcha atrás nas condicións de renovación das concesións das comunidades de auga veciñais

Gondomar, 9 xuño 2022.- O portavoz de Medio Ambiente do Bloque Nacionalista Galego, Luís Bará, manifestou a súa satisfacción ao remate da comisión segunda do Parlamento galego pola “marcha atrás” que dá a Xunta nas condicións de renovación das concesións das comunidades de auga veciñais, ás que, nalgúns casos, xa lles comunicara a redución da concesión a 10 anos e a obrigación de conectarse a redes municipais.

 

A pregunta parlamentaria de Bará, a directora xeral de Augas de Galiza confirmou que dende este organismo xa se puxeron en contacto coa Coordinadora Galega de Comunidades de Augas para corrixir a resolución previa e, polo tanto, manter as concesións durante 20 anos, sen obriga asociada de conexión a redes municipais.

O deputado do Bloque levou á Cámara esta cuestión ante a preocupación e alarma xerada entre as comunidades veciñais de augas do País por un cambio de criterio do Goberno galego que supoñía restrinxir tanto a duración como as condicións das concesións.

 

Bará tamén pediu explicacións pola xestión das axudas e reclamou ao Goberno galego que intensifique a información sobre as liñas de subvencións xa que, segundo recordou, tanto na convocatoria de 2020 como na de 2021 “quedaron fondos sen gastar”, no caso por exemplo das axudas destinadas á instalación de contadores.

Por último, o deputado do BNG advertiu da dificultade para recoñecer con todas as súas implicacións a singularidade xurídica das traídas veciñas, polas contradicións existentes na diferente normativa vixente e, neste sentido, reprochou ao PP que non tivera en conta as emendas ao respecto presentadas pola organización nacionalista á nova Lei do Ciclo Integral de Auga.

 

O BNG de Gondomar, tal como se comprometera na reunión celebrada o 30 de outubro pasado, convocará novamente a todas as comunidades de augas do concello para abordar estas cuestións coas xuntas directivas. Tamén para analizar o Plan Seca, presentado polo Alcalde o pasado 26 de maio e realizado sen ter en conta ás traídas comunitarias, cando son as que subministran auga á maior parte da poboación do concello. “Plan do que agardamos recibir a copia solicitada, porque o Sr. Ferreira non o puxo a disposición do conxunto da Corporación Municipal como cabería esperar”, indica a concelleira nacionalista, Manuela Rodríguez.

A Xunta dá marcha atrás nas condicións de renovación das concesións das comunidades de auga veciñais