DEMANDA TAMÉN A CONVOCATORIA INMEDIATA DA COMISIÓN INFORMATIVA ESPECIAL DE ASESORAMENTO E SEGUIMENTO DO PXOM

O BNG demanda a creación do Consello Sectorial de Urbanismo-PXOM para dar cabida á participación veciñal no deseño do futuro plan xeral de Gondomar

Manuela Rodríguez: Para que o PXOM sexa unha mellor ferramenta para o desenvolvemento do noso concello, é fundamental que sexa aberto á participación desde antes da súa aprobación inicial.

O BNG demanda a creación do Consello Sectorial de Urbanismo-PXOM para dar cabida á participación veciñal no deseño do futuro plan xeral de Gondomar

Gondomar, 30 de xuño de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego levará a debate no pleno de mañá xoves unha moción na que se insta ao goberno á creación inmediata do Consello Sectorial de Urbanismo-PXOM para dar cabida á participación veciñal no deseño do futuro plan xeral de ordenación municipal de Gondomar.

Para que o PXOM sexa unha mellor ferramenta para o desenvolvemento do noso concello, é fundamental que sexa aberto á participación da veciñanza e das súas asociacións desde antes da súa aprobación inicial”, indica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

A organización nacionalista demanda tamén a convocatoria da Comisión Informativa Especial de Asesoramento e Seguimento do PXOM, onde están representados goberno, corporación municipal e equipa redactora, que non foi convocada desde a súa creación. Así, a única reunión na que se falou do Plan Xeral celebrouse o 30 de setembro de 2020.

Desde aquela xa foi emitido o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico realizado pola Xunta após a análise dos documentos remitidos polo Concello e das suxestións recibidas na fase de consultas, que, supoñen, está a ser obxecto de análise. Por outro lado, o pasado 9 de xuño, declaracións públicas por parte do Alcalde, Paco Ferreira, e da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, deron como probable que o PXOM fora ser aprobado inicialmente no outono.

Resulta evidente que o Alcalde está a impedir que a corporación municipal poida facer o seguimento da xestión do seu goberno no referido ao PXOM”, lamenta Rodríguez,nada novo, tendo en conta o xeito de gobernar de Ferreira.

Por contra, o BNG defende un outro modelo de concellos democráticos, transparentes e participativos. É por esa razón que no pleno mañá “reclamaremos a apertura á veciñanza e á corporación municipal de todo o proceso referido ao PXOM de Gondomar, dándolles canles de participación a través das cales conseguirmos un planeamento ao servizo do interese xeral e público”.

O BNG demanda a creación do Consello Sectorial de Urbanismo-PXOM para dar cabida á participación veciñal no deseño do futuro plan xeral de Gondomar