O BNG de Gondomar fixa a participación veciñal como eixo central arredor do que xirará o seu traballo político e social no 2021

A organización nacionalista destaca no seu novo boletín a importancia da participación veciñal directa na vida municipal e denuncia a actitude despótica de Ferreira como antítese dun proxecto de convivencia democrática.

Boletín --> https://i.gal/BoletinBNGGondomarFebreiro2021

O BNG de Gondomar fixa a participación veciñal como eixo central arredor do que xirará o seu traballo político e social no 2021

O BNG de Gondomar fixa a participación veciñal como eixo central arredor do que xirará o seu traballo político e social neste 2021. A organización nacionalista vén de publicar un novo boletín informativo que destaca na súa primeira páxina a importancia da participación veciñal directa na vida municipal. A publicación recolle tamén artigos sobre a violencia machista, o proxecto eólico depredador do PP, e unha entrevista á Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón.

Para o BNG, os concellos, por seren as institucións máis próximas á veciñanza, son os espazos propicios para profundar na democracia directa e na participación social, como garantía de transparencia na actividade municipal. A lei recolle que os concellos deben establecer e regular os procedementos e órganos adecuados para a efectiva participación dos veciños nos asuntos da vida pública local, e mesmo o Regulamento Orgánico Municipal, que data de decembro de 1999, recolle na súa disposición transitoria segunda que “a Corporación deberá redactar e aprobar un Regulamento de Participación Veciñal.

Non foi até o 2016 que un proxecto de Regulamento de Participación Veciñal do Concello de Gondomar foi aprobado inicialmente. Tras dun período de exposición pública e presentación de alegacións no que participaron a veciñanza, a través da Coordinadora de Entidades Veciñais, e as forzas políticas do concello, ficou pendente da súa presentación para aprobación definitiva pola Corporación. Mais dende aquela, por decisión expresa do alcalde, non se volveu saber del.

No Pleno do pasado día 1 de outubro, en resposta á concelleira do BNG diante desa demora de catro anos, o alcalde Ferreira revelouse remiso á aprobación do Regulamento, “porque non creo nel”, dixo, por considerar que o Pleno Municipal “non é un órgano de debate asembleario, para que todo o mundo veña a deliberar e a falar”. Engadiu: “Sei o que estou dicindo. Correcto non é desde o punto de vista democrático, pero dáme igual, eu digo o que penso”. E rematou: “Non está entre as prioridades do goberno o Regulamento de Participación Veciñal”.

A actitude despótica de Ferreira é a antítese dun proxecto de convivencia democrática”, indica Manuela Rodríguez, Portavoz do BNG en Gondomar, “este alcalde entende que a democracia conclúe coas eleccións, que a representatividade remata nas concellerías, e que a maioría absoluta da que dispón fornéceo de barra libre para o que lle pete, co beneplácito e complicidade do seu grupo”.

O BNG considera que hixiene democrática é facilitar a intervención directa da veciñanza nas sesións plenarias e nas comisións sectoriais, alentar a participación social na elaboración de plans e programas municipais, impulsar os orzamentos participativos, pular pola implicación dos colectivos e entidades representativas nos procesos do seu ámbito sectorial. En resumo, escoitar e promover a intervención activa da veciñanza na vida municipal e estabelecer as canles máis axeitadas para fomentala. “Para iso a veciñanza de Gondomar precisamos dun Regulamento de Participación Veciñal”, remarca Rodríguez, “e o Bloque contribuirá ao debate social e político para conquistalo”.

BNG Gondomar.

O BNG de Gondomar fixa a participación veciñal como eixo central arredor do que xirará o seu traballo político e social no 2021