Unha moción do BNG sobre as beirarrúas en Borreiros abriga ao Alcalde de Gondomar a saír anunciando que ‘están a preparar un proxecto’
A iniciativa nacionalista insta ao goberno local a resolver os problemas de inseguridade viaria da estrada principal da parroquia, en cumprimento dos compromisos adquiridos por Ferreira hai máis de seis anos coa veciñanza e que leva incumprido até agora
Chama a atención que as imaxes coas que o Alcalde acompaña o ‘anuncio’ sexan as mesmas que as dun estudo técnico realizado en 2023, que contemplaba varias solucións para a execución dun itinerario peonil na estrada que vai do Telleiro á Sabarís e que o propio Ferreira desbotaba até hai ben pouco por problemas de encaixe no planeamento urbanístico
Manuela Rodríguez, voceira do BNG de Gondomar: “Celebramos o efecto da nosa moción, agardamos sinceramente que o anuncio non sexa unha nova promesa convertida en fume das que acostuma Ferreira e solicitamos que desta vez abra o proxecto a participación veciñal antes de aprobalo”
Gondomar, 14 de outubro de 2025.- Unha moción sobre as beirarrúas de Borreiros presentada este luns polo Bloque Nacionalista Galego obriga ao Alcalde de Gondomar a saír anunciando que ‘están a preparar un proxecto” para resolver os problemas de inseguridade viaria que padecen na estrada principal que atravesa esa parroquia.
A estrada en cuestión, que vai do barrio do Telleiro á Sabarís, dá servizo a unha zona sensible – inmediacións e acceso a un colexio e un centro de día–, e con gran volume de tráfico ao ser unha vía utilizada como alternativa para evitar os atascos do cruce da Ramallosa nos desprazamentos entre Gondomar e Baiona.
A iniciativa nacionalista, que será debatida no pleno deste xoves, “insta ao goberno local a cumprir o compromiso de solución adquirido por Ferreira hai máis de seis anos coa veciñanza de Borreiros e que leva incumprido até agora”, explica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.
O único movemento por parte do goberno local foi a presentación, en xaneiro de 2024 nunha xunta de portavoces, dun estudo técnico que contemplaba diversas solucións para a execución dun itinerario peonil nesa estrada. A proposta para conectar Borreiros co centro urbano da Ramallosa daba até tres alternativas constructivas posíbeis –marxe dereita, marxe esquerda ou alternas– en función de como se acometeran as obras e os retranqueos dependendo da consolidación e dos elementos patrimoniais e/ou tradicionais que afectaran en cada caso.
O que o Alcalde trasladou daquela foi que a proposta, ademais de que tiña que ser estudada polo departamento técnico do Concello para ver a súa viabilidade e encaixe no planeamento urbanístico, ía ser exposta á veciñanza de Borreiros para que esta poidera valorar as distintas ópcións.
Nesa mesma xunta apuntouse por parte do arquitecto municipal que, dadas as normas urbanísticas vixentes e as características do itinerario, a solución posiblemente pasaría pola redacción dun plan especial. Este extremo foi valorado polo Alcalde que verbalizou que se estudaría desde o departamento de urbanismo. “Mais logo non cumpriu ningunha das dúas ‘promesas’, lamenta Rodríguez.
Dado que o horizonte temporal da solución definitiva non semellaba próximo, o BNG solicitou a implementacion, á maior brevidade posíbel, de medidas transitorias de calmado de tráfico fìsicas, de pintado e sinalépticas, proposta que foi tomada en consideración polo goberno local.
Pero co que non contaban nin o BNG nin a veciñanza era con que esas actuacións acabarían incrementando a perigosidade nalgúns puntos: cunetas fondas sen cubrir con risco de caída, espazos para os peóns máis achicados, sinaléptica confusa. Ou o que é peor, que segundo declaracións recentes do Alcalde, esa ‘mellora’ ía ser todo o que se fixera nesa estrada.
Por iso presentamos a moción, para demandar o cumprimento dos compromisos adquiridos á maior brevidade posible e, no inmediato, resolver as deficiencias máis salientables das actuación realizadas nas obras da suposta mellora da seguridade viaria. E, á vista a reacción do Alcalde, desde o BNG “celebramos o efecto da nosa iniciativa” e que Ferreira anuncie que “está a preparar un proxecto”.
Mais para o BNG “chama a atención que as imaxes coas que o Alcalde acompaña o ‘anuncio’ sexan as mesmas que as do estudo de 2023, ese que o propio Ferreira desbotaba até hai ben pouco por problemas de encaixe no planeamento urbanístico”. Aínda así, polo ben da parroquia de Borreiros, “agardamos sinceramente que o anuncio non sexa unha nova promesa convertida en fume das que acostuma Ferreira e solicitamos que desta vez abra o proxecto a participación veciñal antes de aprobalo”, trasladan.