O BNG de Gondomar reclama ao Alcalde o cumprimento dos acordos relativos á humanización da Alameda
Pasados xa tres meses do remate da obra, o goberno de Gondomar non cumpriu compromisos recollidos no acordo co grupo municipal do BNG, como a ordenación do aparcadoiro de San Bieito ou a creación do Consello Municipal do Comercio
O BNG de Gondomar reclama ao Alcalde o cumprimento dos acordos relativos á humanización da Praza da Alameda. Denuncian que, pasados xa tres meses do remate da obra, o goberno de Gondomar aínda non cumpriu parte dos compromisos recollidos no acordo co grupo municipal do BNG, como os relativos ao aparcadoiro de San Bieito ou ao Consello do Comercio
No acordo polo que o BNG se abstivo no pleno da corporación para facilitar a adxudicación das obras, ademais do mantemento do tráfico rodado en sentido ascendente e descendente, “contemplábanse outros aspectos tamén importantes dos que reclamamos a execución”, traslada a concelleira e portavoz municipal Manuela Rodríguez.
Así, o documento pactado incluía a conversión do aparcadoiro de San Bieito en estacionamento de tempo limitado para favorecer a rotación así como a actualización da ordenanza municipal que o regule, o suavizado ou eliminación dos lombos das rúas Pereiras e Emigrante, a posta a disposición de carriños para facilitar o traslado da compra nas zonas peonís, ou a creación do Consello Municipal do Comercio como dinamizador da economía local.
A fronte nacionalista advirte ao alcalde que vai seguir a fiscalizar o seu labor de goberno, pois é el quen ten a obriga de executar os acordos. “O BNG non precisa de ningún recoñecemento público por parte do Sr. Ferreira, o que reclama é o cumprimento dos compromisos asinados”, indica Rodríguez.