TRAS A PRESENTACIÓN DO PROXECTO E ANTE A DEMORA DAS POSIBEIS ACTUACIÓNS
O BNG de Gondomar propón medidas transitorias que garantan a seguranza viaria para peóns e vehículos na estrada de Borreiros
Manuela Rodríguez: “A veciñanza demanda seguridade con urxencia e calquera das opcións estudadas vai requerir moito tempo para se materializar; faise preciso actuar no inmediato para evitar riscos de atropelos e accidentes”
Gondomar, xaneiro de 2024.- Tras a presentación esta mañá dun proxecto técnico que contempla varias posibeis solucións para a execución dun itinerario peonil da estrada que vai do Telleiro á Sabarís, e coa constatación de que sexa cal for a opción escollida vai tardar en materializarse, o BNG de Gondomar propón medidas transitorias que garantan a seguranza viaria para peóns e vehículos na estrada de Borreiros
Logo do falado cos veciños na visita a parroquia de Borreiros realizada en novembro de 2022, o BNG xa trasladara ao pleno de decembro dese ano unha pregunta a respecto do atraso na solución que o Alcalde xa prometera varios anos atrás. A resposta do Alcalde foi que fixeran unha ‘memoria valorada’ e que a presentaran na deputación para solicitar, dentro das bases do Plan Ágora, unha subvención para a realización dun proxecto para creación do que deron en denominar ‘senda peonil e ciclable en pista das Lentas, que inclúe o estudo integral de itinerario peonil entre a senda da PO-340 e o paseo marítimo do Miñor’.
Xa daquela tanto a veciñanza afectada como o propio BNG mostraran as súas reservas con respecto ao proposto polo goberno local, dado que as bases Ágora establecían o cumprimento de que o itinerario peonil e/ou ciclable creado, ademais doutros requisitos, debería ter, nunha lonxitude de alomenos 100m, un ancho mínimo de 2,5 metros. Algo que semellaba inviábel na vía á que pretendía dar solución. A solución proposta para acadar a subvención foi propoñer unha senda desas características nun camiño municipal que se une coa estrada en cuestión, e converter esta última nunha plataforma de convivencia mixta, con prioridade peatonal, dando até tres alternativas constructivas posíbeis en función de como se acometan os retranqueos necesarios.
Agora o proxecto, ademais de que deberá ser estudado polo departamento técnico do Concello para ver a súa viabilidade e encaixe no planeamento urbanístico, deberá ser exposto á veciñanza que poderá valorar as distintas ópcións. En calquera caso, dado que o horizonte temporal para se materializar a solución definitiva non parece próximo, o BNG considera que “non se pode permitir que continúe por tempo indefinido a situación de inseguranza viaria e os problemas de mobilidade de peóns e vehículos nunha zona tan sensible como as inmediacións e o acceso a un colexio e un futuro centro de día, con gran volume de tráfico ao ser unha vía utilizada como alternativa para os desprazamentos de Gondomar á Ramallosa e Baiona”. Por esa razón, na xunta de portavoces de onte a Portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, solicitou a implementacion, á maior brevidade posíbel, de medidas de calmado de tráfico fìsicas, de pintado e sinalépticas, proposta que foi tomada en consideración polo goberno local. “A veciñanza demanda seguridade con urxencia e calquera das opcións estudadas vai requerir moito tempo para se materializar; faise preciso actuar no inmediato para evitar riscos de atropelos e accidentes”, enfatizou a concelleira nacionalista.