O BNG insta a Ferreira a retirar do pleno a adxudicación da obra da Alameda até que aclare en que consiste realmente
Mentres o Alcalde di que a rúa Manuel Losada manterá o tráfico rodado ascendente, no proxecto figura que se elimina e que estará restrinxido só a residentes
Gondomar, 14 de outubro de 2023.- O BNG vén de solicitar a través do rexistro do Concello a retirada da orde do día do pleno previsto para o vindeiro martes 17 de outubro do punto número tres, referido á adxudicación da obra de humanización da Alameda. Tamén se dirixiu aos outros dous grupos da oposición para, caso de o goberno manter ese punto, forzar a súa retirada ou que quede riba da mesa até a seguinte sesión plenaria. Así o acordou coa veciñanza e comerciantes asistentes á asemblea informativa aberta celebrada onte venres.
“Segundo nos trasladaron persoas asistentes, nunha reunión anterior o Alcalde de Gondomar afirmou que, ao igual que na rúa San Bieito, o citado proxecto contempla o tráfico rodado pola rúa Manuel Losada”. Esa afirmación viría ser coincidente co que se recolle na páxina web do Concello onde, nun texto que acompaña á “enquisa” sobre a humanización, di “manténdose o tráfico rodado ascendente pola rúa Manuel Losada e descendente pola rúa San Bieito dacordo ao proxecto aprobado polo Pleno da Corporación do 21 de abril.”
Porén, no proxecto levado a aprobación en abril di literalmente ‘Eliminación del tráfico rodado de dos de las tres vías y restricción sólo a residentes en la calle Cruz de Mera y en la calle Manuel Losada’; igual texto figura no proxecto que formaba parte da documentación da comisión informativa do pasado mércores 11, que é idéntico ao da documentación do pleno convocado para o 17. “E ese texto é coincidente co que, de viva voz, nos trasladaron os arquitectos redactores do proxecto na xunta de voceiros celebrada o mércores 4 de outubro”, explica Rodríguez.
Así, mentres o Alcalde di que a rúa Manuel Losada manterá o tráfico rodado ascendente, que é o que solicitan os comerciantes, no proxecto figura que se elimina e que estará restrinxido só a residentes. “Entendemos que, interesadamente, o goberno local está a crear confusión en canto a que é o que realmente se leva a debate e aprobación plenaria”, lamenta.
E por iso que, “diante da inseguridade que produce o descoñecemento do que realmente imos votar no pleno” do martes 17 de outubro, o BNG solicita que se retire ese punto da orde do día. Así mesmo, insta ao Alcalde a convocar, con carácter urxente, pero poñendo previamente en común a data e hora coas/cos portavoces da oposición, unha reunión na que participen grupos políticos e veciñanza e comerciantes, para aclarar cal é realmente a actuación que se vai someter a debate e votación plenarios.